Publicador de contidos

Publicador de contidos

O lume da rexión de Beocia avanza cara a Atenas tras queimar 6.700 hectáreas

O lume da rexión de Beocia avanza cara a Atenas tras queimar 6.700 hectáreas

O incendio, declarado o xoves e propagado polos fortes ventos, obrigou a desaloxar milleiros de persoas

As lapas atópanse a 35 quilómetros da capital e ameazan a zona industrial do pobo costeiro de Megara

O fume chegou xa á capital grega. REUTERS/Louiza Vradi O fume chegou xa á capital grega. REUTERS/Louiza Vradi
G24.gal 02/08/2026 12:11 Última actualización 02/08/2026 13:20

O incendio forestal declarado hai catro días na rexión grega de Beocia achégase a Atenas tras queimar unhas 6.700 hectáreas e forzar a evacuación de milleiros de persoas.

Arestora atópase a uns 35 quilómetros da capital tras propagarse cara ao leste atizado polos fortes ventos, con refachos puntuais de ata 130 quilómetros por hora. O lume ameaza a zona industrial do pobo costeiro de Megara.

Protección Civil ordenou nas últimas horas o desaloxo de 500 persoas en doce localidades próximas, onde traballan 450 bombeiros, con 126 camións e 24 medios aéreos, para tentar evitar o avance das lapas.

Hai dúas persoas arrestadas pola súa suposta vinculación cunha rede privada de transmisión de electricidade onde sospeitan que pode estar a orixe do incendio. Ao parecer, non funcionou correctamente e xerou faíscas.

Un helicóptero bota auga preto de Haidari. REUTERS/Louiza Vradi Un helicóptero bota auga preto de Haidari. REUTERS/Louiza Vradi

Cen casas queimadas

No seu avance, o lume atravesou o pobo costeiro de Porto Germeno, onde calcinou un cento de casas e provocou importantes danos ecolóxicos, segundo fontes municipais.

O primeiro ministro grego, o conservador Kyriakos Mitsotakis, sinalou este domingo que o seu Goberno investiu nos últimos anos "máis ca nunca en reforzar Protección Civil".

"Con todo, hai momentos nos que a natureza e a intensidade dos fenómenos meteorolóxicos superan calquera planificación humana e calquera capacidade operativa", recalcou.

No entanto, as críticas á xestión do Executivo van en aumento. Tanto a oposición coma unha parte da sociedade grega amosaron de xeito público o seu descontento coa actuación das autoridades nesta nova catástrofe.

As lapas arrasaron polo momento 6.700 hectáreas. REUTERS/Louiza Vradi As lapas arrasaron polo momento 6.700 hectáreas. REUTERS/Louiza Vradi

Perdido o 38% do bosque

No verán de 2024 un incendio iniciado tamén en Beocia alcanzou o tecido urbano de Atenas. Segundo o Observatorio Nacional, entre 2017 e 2025 arderon en Ática 47.000 hectáreas de bosque, o 38% do terreo forestal da rexión capitalina.

Mentres, máis de 100 bombeiros con 22 camións, seis avións e un helicóptero cisterna operan na rexión central de Fócida e na illa de Cefalonia, no mar Xónico, onde este domingo se declarou un novo lume que xa obrigou a evacuar catro localidades.

En Cefalonia detiveron unha persoa en relación con este incendio e hai outras dúas acusadas de provocar o que ameazou o sitio arqueolóxico de Micenas, mentres facían traballos agrícolas con maquinaria pesada.

O lume da illa de Creta xa está baixo control tras calcinar 5.500 hectáreas. O pasado mércores tres bombeiros perderon a vida mentres traballaban no operativo de extinción.

No ano 2023, as lapas queimaron 170.000 hectáreas (o 1,2% do territorio) en Grecia, 95.000 delas no incendio de Evros, o peor rexistrado en Europa ata o momento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar