Publicador de contidos

Publicador de contidos

Alta ocupación na comarca da Mariña para este verán

Alta ocupación na comarca da Mariña para este verán

Ao seu clima benigno e á calidade dos seus areais súmase este ano o eclipse de agosto

Zona de 'glámping' no cámping A Gaivota, á beira da praia barreirega de Benquerencia
Félix Aragunde. Imaxe: Jorge Pereira. 12/06/2026 21:03 Última actualización 12/06/2026 21:35

O clima benigno da Mariña é cada ano máis valorado polos turistas, ao igual que a calidade das súas praias. De feito, ata o 80 por cento das prazas dos negocios de acampada xa están ocupadas, principalmente por viaxeiros chegados dende o norte de Europa. 

"Está habendo moitísima xente, o 98 por cento estranxeiros, sobre todo holandeses e alemáns. Case a primeiros de xuño, está o cámping practicamente cheo", subliña Celso Dourado, dono do cámping A Gaivota, en Barreiros.

De cara á tempada alta, as previsións son igual de positivas no conxunto do sector hoteleiro mariñao. Sobre todo no mes de agosto, grazas á situación privilexiada da costa lucense para presenciar o eclipse total do día 12. 

"Hai varias datas de xullo e de agosto que xa están ao cento por cento dende hai bastantes días. Tamén está esa data especial do 12 de agosto, polo tema do eclipse, que dende febreiro xa está liquidada. Vén moita xente de moitos sitios do mundo, que só vén para esa ocasión e cóllea con moita previsión", sinala Marcos Irimia, xerente do hotel Rego de Foz

"Pensamos que posiblemente sexa un verán de récord. Se o tempo nos axuda, que parece que si, e co tema do eclipse, pois xa levamos practicamente dende xaneiro coa maior parte dos aloxamento reservados. Penso que vai ser unha boa campaña, e esperemos que así sexa", engade Dourado. 

Un refuxio climático con areais de primeira que ben merece unha visita durante todo o verán.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade