Publicador de contidos

Publicador de contidos

Vespas e Lambrettas, as motos que nunca pasan de moda, protagonistas en Verín

Vespas e Lambrettas, as motos que nunca pasan de moda, protagonistas en Verín

 Máis dun cento destes vehículos participan nunha concentración esta fin de semana en Verín

G24.gal 22/05/2026 21:34

Foi pouco antes do 2010 cando un grupo de amigos puxo en marcha o Vespa Club Verín. Foron as motos o seu nexo de unión, pero non calquera moto.

"Son unha prenda da sociedade de toda a vida, eso por un lado. Despois tes que pensar que existen moitas marcas de motos, pero quizá o círculo social que ten a marca Vespa e institucionalmente ou socialmente o que se ve das Vespas non se ve con outra marca", explica Miguel Ángel Domínguez Rosas, Presidente do Vespa Club Verín Val de Monterrei

Miguel e seu irmán coleccionan e restauran Vespas e Lambrettas. Todas con matrícula de Ourense. a máis antiga data de 1953. E conseguilas non sempre é sinxelo. Sobre todo os modelos máis antigos ou os que tiñan unha menor tirada en fábrica.

"Estas dúas Lambrettas concretamente tardamos case catro anos en conseguilas, unha nun desguace de coches. Houbo unha recollida dun coche e no mesmo garaxe que estaba o coche estaba a moto. Avisáronnos de que entrara unha Lambretta nese desguace, apareceu o venres pola mañá e o sábado pola mañá estabámola recollendo nós. Tiña moitas noivas."

Todas funcionan e todas teñen a documentación en regra. Chegaron a ter na colección medio cento, pero acordaron que eran demasiadas e quedaron finalmente en 17. Teñen modelos do 1953, do 56, con faro baixo. Unha Sport Special, un modelo moi raro dos anos sesenta destinada o mercado americano. As máis modernas son de mediados dos 80. eles mesmos encárganse de arranxalas.

 "Existen distintas restauracións de motos de distintas épocas da vida, eu teño motos máis vellas ca min. e a día de hoxe ves xente maior en Vespas e ves xente nova en Vespas."

A concentración celébrase esta fin de semana en Verín co campionato nacional de Gymkana como grande novidade nesta edición.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade