Doce falecidos, 23 persoas sen localizar e máis de 1.400 evacuados no incendio de Almería
Catro dos mortos estaban no interior dun coches e os outros oito morreron mentres camiñaban tras abandonar os seus vehículos tratando de fuxir
Finalizadas as autopsias ningunha persoa foi identificada
A superficie queimada supera as 4.000 hectáreas
O incendio de Los Gallardos, en Almería, converteuse nunha das traxedias máis grandes en España causadas polo lume, tras provocar a morte de polo menos 12 persoas e a desaparición doutras 23.
O lume orixinado debido á caída dun tendido eléctrico privado creceu de forma exponencial axudado por ventos de ata 50 quilómetros por hora, de modo que as chamas avanzaron ata 15 quilómetros en só dúas horas, e, polo momento, afecta a unhas 3.200 hectáreas.
O Goberno andaluz decretou tres días de loito oficial que durará ata a noite deste domingo, segundo informou o Executivo de Juanma Moreno, presidente da Junta de Andalucía.
O conselleiro de Sanidade, Presidencia e Emerxencias da Junta de Andalucía, Antonio Sanz, informou este venres de que todo parece indicar que "a maioría ou a totalidade" das vítimas mortais son estranxeiras, á espera de que conclúan os labores oficiais de identificación.
Os falecidos atopáronse maioritariamente en dous escenarios distintos: no primeiro, catro persoas perderon a vida no interior dun vehículo con volante á dereita, polo que se apunta a que sexan británicos; no segundo, outras sete persoas faleceron mentres camiñaban tras abandonar os seus vehículos para buscar unha vía de escape.
Ningunha persoa falecida foi identificada aínda
O Instituto de Medicina Legal de Almería finalizou as autopsias das doce persoas falecidas no incendio forestal orixinado en Los Gallardos sen que, polo momento, fose posible identificar a ningunha das vítimas mortais.
Segundo informou o Centro Integrado de Datos (CID), debido ao estado dos corpos actualmente non é posible precisar a identidade, a idade, o sexo nin a nacionalidade dos falecidos.
Para lograr a súa filiación oficial, un helicóptero da Garda Civil trasladou ás 19.30 horas todas as mostras biolóxicas recollidas durante a tarde á sede central do servizo de Criminalística en Madrid, onde serán analizadas polo seu departamento de Bioloxía.
Hai tamén oito feridos contabilizados polo momento, dos que catro presentan queimaduras graves. Son ata o de agora 23 as persoas non localizadas.
O incendio presenta unha topografía moi desfavorable, con numerosos barrancos que impiden o acceso de maquinaria pesada. A superficie arrasada supera xa as catro mil hectárea..
O lume evoluciona de forma favorable na parte oriental, a pesar de que o vento segue sendo intenso, aínda que agora preocupa a zona oeste, máis abrupta, porque as lapas diríxense cara ao Marchal, segundo explicou na tarde deste venres o responsable do grupo de intervención, David Rodríguez. A superficie arrasada supera xa as catro mil hectáreas.
As lapas e o fume obrigaron ao desaloxo preventivo de numerosos núcleos de poboación. O número de evacuados supera o milleiro.
Condolencias
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, expresou de madrugada a súa "enorme tristeza e desolación" polas consecuencias do incendio forestal, mentres que Juanma Moreno tamén trasladou a súa consternación ante esta "traxedia".
O rei Felipe VI transmitiu o seu pésame desde San Javier (Murcia) e suspendeu a súa permanencia no acto para regresar de inmediato a Madrid.
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, e o presidente do Consello Europeo, António Costa, transmitiron este venres as súas condolencias a España e trasladaron o seu apoio ao país e aos servizos de emerxencia que combaten as lapas.
É un dos incendios máis tráxicos ocorrido en España, similar por número de mortos ao de Riba de Saelices (Guadalaxara) en 2005.
Máis de 1.400 persoas tiveron que ser desaloxadas
O número de persoas desaloxadas elevouse a 1.405, informou o conselleiro de Sanidade, Presidencia e Emerxencias da Junta de Andalucía, Antonio Sanz.
Segundo detallou Sanz desde o posto de mando avanzado instalado en Turre (Almería), a reactivación do incendio na zona noroeste do perímetro obrigou a ordenar novos desaloxos, que afectaron a 60 persoas de El Chive, 15 de La Alameda e a varios cortixos do termo municipal de Bédar.
Ademais, pediron o confinamento dos veciños do municipio de Lubrín, aos que se lles recomendou protexer as vías respiratorias.
Esta noite manterase un despregamento terrestre de 500 efectivos para facer fronte ao incendio e protexer a poboación.
O conselleiro explicou que o incendio continúa sendo "complexo" e mantén frontes activas de especial intensidade na marxe noroeste, favorecidas polos continuos cambios na dirección do vento.
Pola súa banda, o director xerente da Axencia de Emerxencias de Andalucía, Alejandro García, defendeu desde o posto de mando a decisión técnica de non activar o xoves o sistema de alertas 'Es-Alert', xa que non permite discriminar o envío de mensaxes nun radio inferior á área de cobertura completa dunha antena de telefonía.
Esta falta de precisión tería provocado que a alerta chegase a núcleos de poboación que non se atopaban nunha situación de perigo real.
A xuízo de García, un aviso xeneralizado en zonas seguras tería inducido a "saídas bruscas e innecesarias" de cidadáns, co risco de colapsar as vías de evacuación locais, que son "escasas e estreitas".