Publicador de contidos

Publicador de contidos

Verino: "É importantísimo que as persoas gocen da moda, que non a sufran"

Verino: "É importantísimo que as persoas gocen da moda, que non a sufran"

O deseñador galego acaba de recibir en Madrid o premio de honra da Academia da Moda Española

Segue a apostar pola sostibilidade e por pezas duradeiras que tentan vestir o interior das persoas

Amósase ilusionado coa incorporación do seu neto para continuar o legado que ía levar adiante a súa nai falecida

Roberto Verino, nun momento da entrevista
G24.gal 21/07/2025 10:48 Última actualización 21/07/2025 14:23

O deseñador galego Roberto Verino (Verín, 1945) considera que o Premio de Honra da Academia da Moda Española, que acaba de recibir en Madrid, é, sobre todo, un aval da súa propia xente aos corenta anos dunha traxectoria profesional coherente.

"Para min supuxo un aval que me esixe seguir sendo fiel a eses valores e a esas premisas que tamén defenden as nosas tradicións (...) porque de aí parten moitas das capacidades de estar achegando todo o que significa sentirse guapo, ben, do seu territorio. É algo que nos ten que facer sentir orgullosos e que aínda nos falta moito por conquistar".

Nunha entrevista no espazo Bos días, da Televisión de Galicia, asegura que nestas catro décadas houbo momentos difíciles, pero que conseguiu saír adiante grazas á súa teoría dos tres tes.

"Son tantos anos a loitar que houbo sempre momentos difíciles, moi duros, pero teño o espírito de Viriato, son loitador por normativa, así que se os problemas son todos da dimensión dos que tiven que afrontar, seguirei loitando para demostrar que non hai nada na vida que non se consiga sen a teoría dos tres tes: traballo, traballo e traballo".

Recoñece que sempre deseñou para unha muller libre, forte e valente, á que asegura deberlle moitísimo porque grazas a ela é o que é.

"Grazas a esa muller, que foi para min a clave, eu sigo sendo Roberto Verino. Con aquel soño de entón, pero multiplicado por catro décadas de afianzamento desa realidade que hoxe hai que aplaudir, eu son o que son e débolle moitísimo".

Di que coas súas pezas sempre tentou que as persoas acadasen a maior autoestima posible e que reflectisen o seu interior.

"A min gústame dicir que eu quero vestir o interior das persoas, que en definitiva é vestir a súa alma. Cada persoa é distinta, ten a súa luz, é o que ten que ser. Para min iso é transcendental e seguirei nesa loita porque creo que é importantísimo que as persoas gocen da moda, que non a sufran, que é un grandísimo problema tamén hoxe en día".

 

O deseñador, na gala dos Premios da Academia de Moda española O deseñador, na gala dos Premios da Academia de Moda española

Verino subliña a súa aposta pola sostibilidade, pola adquisición de pezas elaboradas con materias naturais que perduren no tempo e que formen parte da historia de cada un.

"Non só invistes, en lugar de malgastar, senón que ademais estás creando un armario como se fose un diario: abres, miras o que vas poñer e cada peza estache a recordar momentos que puideron ser felices ou non tanto, pero é un pouco a túa historia (...) Que sexa investir con intelixencia e que fagan que cada persoa sexa distinta".

De cara ao futuro, amósase ilusionado coa incorporación do seu neto, que se vai encargar de seguir co legado.

"Nestes momentos, teño a sorte de contar cun neto meu, o fillo da miña Cristina, que tristemente vai facer agora tres anos que nos deixou. Ese legado que ela ía levar adiante vai facerse posible a través da incorporación dunha persoa moza, que está moi preparada, pero sobre todo, que ten moitísimas ganas de facer o que ía facer a súa nai (...) El di, corenta anos por dez, non suma senón que multiplica... Así que, se o seu acerto é o que agardo, Roberto Verino vai durar como mínimo catrocentos anos, e eu estarei encantado".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade