Publicador de contidos

Publicador de contidos

A XXIV Feira Franca de Pontevedra réndelles homenaxe ás meigas

A XXIV Feira Franca de Pontevedra réndelles homenaxe ás meigas

A cidade regresa ao medievo coas rúas engalanadas, exhibicións de época e representacións teatrais

G24.gal 06/09/2025 21:09 Última actualización 06/09/2025 21:26

A Feira Franca volve trasladar Pontevedra ao século dezaseis. Ademais das rúas e das prazas do centro histórico engalanadas, dos festeiros caracterizados con traxes do medievo, a cidade énchese tamén de exhibicións e representacións teatrais.

Esta edición, a número vinte e catro, está dedicada ás meigas. 

O mercado de oficios da Ferrería, en pé toda a fin de semana, resulta unha clase de historia. Facemos unha primeira parada neste posto de cantería. Carlos é canteiro e escultor e estudoso do pasado deste oficio e desta arte. 

"Antigamente os canteiros eran tamén os deseñadores das catedrais. A arquitectura non se estudaba como arquitectura. Era un canteiro que comezara a súa carreira desde o máis baixo cun mestre. E ao final acababa construíndo catedrais como as do gótico francés que son auténticas marabillas", explica á TVG Carlos Camacho, canteiro e escultor.

Manuel Patiño é o ferrador de cabalos máis novo de toda Galicia. Aprendeu o oficio do pai.

"Nesa época do medievo un ferrador era unha persoa cotizada, porque ti cando tiñas un problema cun cabalo fora na boca, ou calquera cousa nas patas, nos pés, sempre tiñas que levalo ao ferrador. De feito, cando na modernidade se inventaron os coches os primeiros mecánicos eran ferradores. Isto desta feira non se ve todos os días, as cousas como son... Nin ves un canteiro traballar unha pedra, nin un carpinteiro, iso non o ves", conta Manuel Patiño, que é ferrador.  

Tampouco se ven hoxe as meigas, aínda que todo galego sabe que as hai. Esta edición da Feira Franca réndelles homenaxe.

"Elas eran meigas e menciñeiras. Non só adiviñaban o futuro. Moitas delas dedicábanse a traballar con herbas medicinais e a buscar remedios. Porque a muller era a que se encargaba do coidado da saúde. Eran as que aprendían e eran as que tiñan os coñecementos. E iso aos homes non lles gustaba moito", matiza Ángeles Jar, meiga que pertence á Asociación Salcedo Norte.

A feira Franca conmemora a concesión do rei Henrique IV á cidade dun mercado sen impostos durante un mes do ano 1467.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade