Publicador de contidos
Publicador de contidos

Tres culpables do asasinato de Samuel Luiz, un cómplice e unha exculpada

Tres culpables do asasinato de Samuel Luiz, un cómplice e unha exculpada

O xurado popular declara culpables de asasinato a Diego Montaña, a Alejandro Freire "Yumba" e a Kaio Amaral Silva

Ademais, o tribunal considera a Alejandro Míguez cómplice do grupo e exculpa a única muller acusada

A Diego Montaña aplícalle a agravante de homofobia e tamén culpa a Kaio Amaral de roubo con forza

Os catro acusados considerados culpables durante a lectura do veredicto. EFE/Cabalar
G24.gal 24/11/2024 13:00 Última actualización 14/12/2024 13:29

Tras case unha semana de deliberación, os nove membros do xurado popular fixeron público o seu veredicto polo crime de Samuel Luiz.

O tribunal considera tres dos cinco acusados culpables de asasinar o mozo no paseo marítimo da Coruña o 3 de xullo de 2021, dunha malleira brutal.

Son Diego Montaña, ao que lle aplica a agravante de homofobia, Alejandro Freire "Yumba" e Kaio Amaral Silva, declarado culpable tamén de roubarlle, con forza, o móbil á vítima. Ademais, considera cómplice do grupo a Alejandro Míguez.

A única muller acusada queda excluída de actuar en unidade de acción, aínda que a vincula con "imposibilitar a defensa". O xurado considéraa "non culpable" nin como coautora nin como cómplice.

Neste caso, hai tamén dous menores condenados por asasinato.

Lectura do veredicto

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña acolleu este domingo a lectura do veredicto do proceso, no que as acusacións pedían penas de entre 22 e 27 anos de prisión por asasinato con aleivosía e asañamento, esta última descartada polo tribunal popular.

O xurado empezou a deliberar o martes pasado sobre as 115 preguntas expostas no obxecto do veredicto e concluíu o seu traballo este sábado pola noite.

Declarou culpables tanto a Diego Montaña coma a Alejandro Freire por unanimidade, mentres que nos casos de Kaio Amaral Silva e Alejandro Míguez foi por sete votos, o mínimo que esixe a lei.

Respecto á única muller acusada, non a vincula ao crime, pois cre que ao principio tentou frear a súa entón parella, Diego Montaña, malia apartar despois unha amiga de Samuel Luiz que quería defendelo.

Un momento da lectura do veredicto este domingo

Agravante de aleivosía

En canto ás circunstancias modificadoras da responsabilidade penal, nos catro culpables ve as agravantes de aleivosía (eliminar as posibilidades de defensa), pero non asañamento (ocasionar golpes múltiples innecesarios para causar a morte, prolongar a agonía e a dor).

Tampouco considera acreditadas as atenuantes de estaren baixo os efectos do alcol ou as drogas que reclamaban Diego Montaña e Alejandro Freire.

Homofobia

A agravante de homofobia de Diego Montaña nun primeiro momento pronunciouse non probada, aínda que durante a lectura o xurado corrixiu a lectura e considerouna probada por unanimidade.

Para o xurado, os implicados non actuaron con intención de causar a morte a Samuel Luiz, pero si executaron unha serie de actos nos que deberon asumir a posibilidade dun desenlace fatal polo risco das súas accións.

Pensan, ademais, que Alejandro Míguez participou de forma activa para auxiliar e facilitar a actuación dos demais, co que aceptou a posibilidade de que lle provocasen a morte, polo que a súa pena como cómplice será ao redor da metade ca o resto, pendente de definir.

Diego Montaña toma a palabra na última sesión Diego Montaña toma a palabra na última sesión

Penas máximas

As acusacións reclamaron penas máximas para os catro culpables, con peticións de 13 e 27 anos de cárcere, segundo os graos de responsabilidade.

A fiscal, Olga Serrano, dixo que debe terse en conta a súa actuación "brutal, atroz e extremadamente inhumana" para dar morte a Samuel Luiz.

Para Diego Montaña reclama 25 anos de prisión, pola agravante de homofobia; para Alejandro Freire, 22 anos; para Kaio Amaral Silva 27, ao engadirlle o roubo do móbil; e para Alejandro Míguez, 13 como cómplice. En todos, agrega 5 anos de liberdade vixiada.

Estas mesmas peticións de pena son as da acusación particular, dos pais de Samuel Luiz, e da popular, do colectivo LGTB Alas A Coruña.

As acusacións piden uns 260.000 euros de responsabilidade civil -cantidade xa recoñecida na sentenza dos dous menores condenados previamente-, ademais de 40.000 euros para o pai da vítima pola súa incapacidade.

Petición das defensas

As defensas pediron as penas mínimas, ao entender que só concorre unha das circunstancias para o asasinato, a aleivosía, e ao sumar o feito de que o xurado non viu intención de matar (dolo directo), senón que os acusados deberon asumir esta posibilidade (dolo eventual).

Por iso, para os tres autores do asasinato reclamaron 15 anos de prisión -20 para Diego Montaña ao sumar a agravante de homofobia-, outros dous máis para Kaio Amaral Silva polo roubo e, no caso de Alejandro Míguez, 7 anos, 6 meses e un día como cómplice.

Alejandro Freire Alejandro Freire "Yumba" nun momento do xuízo

Recursos

As defensas de tres dos condenados polo asasinato de Samuel Luiz anunciaron este domingo que recorrerán contra a sentenza que ditará a maxistrada en base aos feitos declarados probados polo xurado popular no seu veredicto.

José Ramón Sierra, que defende a Kaio Amaral Silva -declarado culpable do asasinato e do roubo do móbil de Samuel Luiz-, explicou aos medios ao final da sesión que no seu caso, non houbo unanimidade, senón sete votos para declaralo culpable, o mínimo que esixe a lei.

"As motivacións das preguntas, a primeira e a segunda que condenan a Kaio, realmente son contraditorias. Se vostedes o escoitaron, afírmanse que carga unha perna e que ninguén lle debe golpear. Condénano por estar no grupo agresor. Eu creo que iso é suficiente para chegar á condena, sobre todo tras como transcorreu o xuízo", dixo.

Está convencido "de que a segunda parte deste partido", que é a apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, abordará esta cuestión, pois mantivo que o seu cliente "é inocente" e por iso "se derrubou" ao escoitar o veredicto.

"Pódolle garantir que os catro están moi afectados", concluíu o avogado.

Kaio Amaral Silva na vista oral Kaio Amaral Silva na vista oral

Manuel Ferreiro, letrado de Alejandro Míguez -culpable como cómplice do asasinado-, mostrou "tranquilidade" ao tratarse dunha "condena menor", aínda que continuará con todos os recursos que sexan necesarios para defender a inocencia do seu cliente.

"Non pode ser que a presenza no grupo para Catherine supoña unha absolución e para o meu cliente supoña unha condena", lamentou.

David Freire, avogado de Alejandro Freire "Yumba" -culpable de asasinato-, agardaba o veredicto, pero considera que hai cuestións "impugnables e pelexables en apelación, logo tamén en casación", como as atenuantes do seu representado, que alegou consumo de alcol e drogas.

Luís Salgado, avogado de Diego Montaña -culpable de asasinato coa agravante de homofobia-, dixo que estudará a sentenza para valorar un posible recurso.

Satisfación no colectivo Alas A Coruña

A presidenta de Alas A Coruña, o colectivo LGTB que levou a acusación popular, Ana García Fernández, quedou satisfeita con que se demostrara "que neste brutal asasinato houbo homofobia".

"O que gritan ao matar unha persoa si importa e creo que quedou claro, polo menos por esta sentenza", concluíu o seu avogado, Mario Pozzo-Citro.

Alejandro Míguez, considerado cómplice do grupo Alejandro Míguez, considerado cómplice do grupo

O que ocorreu, segundo o xurado

O resumo dos feitos probados mostra un inicio da acción por parte de Diego Montaña, que empezou a agredir a Samuel Luiz, ante o que Alejandro Freire o derruba.

A única muller encausada primeiro tentou frear a Diego, pero logo tamén separou unha amiga de Samuel que o defendía e, a partir de aí, non tivo máis participación.

Kaio Amaral Silva entrou ao grupo -no que tamén estaban os dous menores xa condenados- e deulle unha patada á vítima.

Alejandro Míguez estivo sempre no grupo, mesmo ata encerellarse cunha das dúas testemuñas de orixe senegalesa que socorreron a Samuel Luiz, polo que dificultou a súa defensa.

O grupo continuou a agresión nun total de catro localizacións ata matalo, sen que se acrediten máis golpes de Kaio Amaral Silva, que no punto inicial roubou o móbil da vítima.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade