Veciños de Seabra protestan en Vigo pola supresión de paradas do AVE na súa vila
Acusan a Abel Caballero e a Óscar Puente de favoreceren a uns en detrimento doutros
Consideran que se non corrixen a situación, o concello zamorano vai desaparecer en 20 anos

Veciños de Pobra de Seabra (Zamora) protestaron este luns en Vigo pola supresión de paradas do AVE no seu municipio.
"Se non se arranxa, en 20 anos imos desaparecer", lamenta un dos manifestantes.
Primeiro, ante o Concello, e despois na Porta do Sol, lamentaron a inxustiza que, consideran, supón a eliminación de horarios na súa localidade para que o tren chegue 15 minutos antes a Madrid cando sae de Vigo.
Para amosaren o seu desacordo, camiñaron en procesión pola cidade portando un ataúde aos ombreiros como símbolo do enterro de Seabra por mor desta situación.
Responsabilizan o alcalde de Vigo Abel Caballero e o ministro de Transportes e Mobilidade Sostible Óscar Puente de tomaren a decisión sen consultar coa veciñanza de Seabra e para favorecer a uns en detrimento doutros.
Acúsaos de eliminar paradas na España baleirada catro anos despois da expropiación de terreos para poñer en marcha unha estación que trouxo progreso á zona.
"O 50 % dos lugares empezaron a medrar, a atraer máis poboación, e a xente empezou a traballar porque tiñan horarios, capacidade de poder facelo e transporte", engadiron.
Aseguran que na actualidade xa houbo profesionais médicos e do ensino que rexeitaron as súas prazas na zona porque non contaban con trens para poder chegar ao posto de traballo. Segundo denuncian, os horarios eliminados son precisamente os da primeira hora da mañá.