Publicador de contidos

Publicador de contidos

As protestas contra o equipo israelí na Volta chegan ata L’Angliru

As protestas contra o equipo israelí na Volta chegan ata L’Angliru

Manifestantes interromperon por uns segundos a tres ciclistas na subida ao porto asturiano

O Goberno do Principado pide ao Israel-Premier Tech que abandone a carreira

G24.gal 05/09/2025 19:23

As protestas contra a presenza do equipo Israel-Premier Tech na Volta a España intensificáronse este venres na primeira etapa asturiana, entre Cabezón de la Sal e o porto de L’Angliru. Durante o percorrido, grupos de manifestantes protagonizaron mobilizacións e algúns incidentes menores.

A etapa 13 arrincou con protestas na saída en Cabezón de la Sal (Cantabria), onde se escoitou unha cacharrada.

O episodio máis tenso produciuse xa preto do final, no inicio da subida a L’Angliru, cando un reducido grupo de manifestantes conseguiu deter por uns segundos o ecuatoriano Jefferson Cepeda (Movistar), o luxemburgués Bob Jungels (Ineos) e o kazaxo Nico Vinokourov (XDS Astana), que rodaban destacados. A Policía disolveu rapidamente a acción.

Ao longo do percorrido en Asturias houbo pequenas concentracións con bandeiras de Palestina en puntos como El Entrego, Nava ou Llanes. Na subida final tamén se viron bandeiras, aínda que sen incidentes relevantes.

Postura do Principado e mobilizacións

O Goberno do Principado instou o Israel-Premier Tech a abandonar a carreira e reduciu ao mínimo a súa presenza institucional nas tres etapas que discorren por Asturias. “Non temos capacidade para impedir a súa participación, pero si para mostrar o noso desacordo”, afirmou a vicepresidenta autonómica, Gimena Llamedo.

Pola súa parte, o conselleiro de Ordenación do Territorio e coordinador de IU, Ovidio Zapico, anunciou a convocatoria de mobilizacións pacíficas durante as tres etapas en territorio asturiano.

Críticas do PP

O PP acusou o presidente Adrián Barbón de “absoluto oportunismo” e defendeu que os ciclistas profesionais “non teñen ningunha culpa do que ocorre en Gaza”.

O deputado autonómico José Cuervas-Mons advertiu de que medidas deste tipo “prexudican a imaxe da rexión”, poden supoñer un “problema de seguridade” e representan “un desprezo aos amantes do ciclismo”.

Netanyahu felicita o equipo israelí da Volta, di, por "non ceder ante o odio" mentres o dono do equipo garante que nunca correrán sen levar o nome de Israel

O primeiro ministro de Israel, Benjamín Netanyahu, felicitou este venres o equipo Israel-Premier Tech e o seu propietario, Sylvan Adams, “por non ceder ante o odio” durante a Volta a España, marcada por protestas contra a participación da formación israelí.

“Gran traballo de Sylvan e do equipo ciclista de Israel por non ceder ante o odio e a intimidación. Estades facendo que Israel se sinta orgulloso!”, afirmou nunha mensaxe publicada en X.

Nas últimas etapas da carreira rexistráronse mobilizacións con bandeiras palestinas e pancartas coas mensaxes “Israel xenocida” e “Stop xenocidio”.

O mércores, por motivos de seguridade, unha protesta en Bilbao obrigou mesmo a acurtar a etapa número once e a deixala sen gañador.

O propietario do equipo, Sylvan Adams, rexeitou a posibilidade de cambiar o nome da formación para eliminar a referencia a Israel: “Nunca correremos sen o nome Israel”, asegurou na canle israelí Sport Channel.

O Executivo destacou ademais que recibiu o apoio de David Lappartient, presidente da Unión Ciclista Internacional, e confirmou a intención de non abandonar a carreira, ao advertir que facelo suporía “a fin non só do noso equipo, senón tamén de todos os demais”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade