Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rueda di que a Xunta tentará que as axudas polos incendios cheguen "o máis pronto posible"

Rueda di que a Xunta tentará que as axudas polos incendios cheguen "o máis pronto posible"

Nun encontro con afectados en Quiroga, lembrou que esas achegas poden chegar a 200.000 euros para cubrir as perdas provocadas polo lume nas explotacións agropecuarias

O presidente da Xunta reuniuse con afectados polos lumes este venres en Quiroga
G24.gal 05/09/2025 15:13

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou este venres que o Goberno galego vai tentar "que o diñeiro chegue o máis pronto posible" aos afectados pola vaga de incendios.

Rueda fixo estas declaracións, acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, no transcurso da visita a unha explotación gandeira de Quiroga, un dos municipios da zona sur da provincia de Lugo afectados polos incendios.

Segundo o presidente galego, a administración autonómica xa actuou con celeridade para que as explotacións gandeiras tivesen a "forraxe" que necesitaban de forma urxente para alimentar aos seus animais, unha vez que arderan os pasteiros.

"Queriamos estar con eles, preguntarlles que necesitan neste primeiro momento", dixo Rueda, quen lembrou que a Xunta empezou a axudar aos afectados "desde o primeiro momento" e os camións que chegaron con forraxe foron fundamentais para a alimentar ao gando no monte, que quedou sen alimento "porque arderon os pasteiros".

Segundo o presidente galego, "pasados os primeiros días toca facer unha avaliación pormenorizada para que os gandeiros poidan solicitar as axudas" que lles poidan corresponder.

Ata 200.000 euros

Deste xeito, lembrou que esas achegas poden chegar a 200.000 euros para cubrir as perdas provocadas polo lume nas explotacións agropecuarias.

"Aí vai estar a Xunta para axudalos. Imos tentar que o diñeiro chegue o máis pronto posible. Igual que sucedeu coa forraxe, ten que suceder con todo o demais", insistiu.

"Iso é o primeiro. O segundo, escoitar a quen realmente sabe, a quen realmente viven do monte, nas aldeas (porque) coñecen perfectamente o que pasa, por que pasa e que se pode facer para evitalo. Tamén, se hai incendios, que causen o menor dano posible", continuou.

Rueda defendeu a súa presenza en Quiroga para "escoitar" os afectados e os expertos porque "teorías hai moitas", sinalou.

"Ás veces fálase desde fóra, sen os suficientes coñecementos. A esta xente hai que escoitala, teñen unha mentalidade práctica e son os primeiros interesados" en conservar a paisaxe e o seu medio de vida, insistiu, tras o que cualificou como "boa ocasión" para que "cousas que poidan funcionar mellor o fagan, e para sacar "leccións" do sucedido.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade