Dimite a número dous do Goberno de Starmer por pagar menos impostos dos debidos
Angela Rayner aforrou 46.000 euros en tributos ao asegurar que o piso que mercou no sur de Inglaterra era primeira vivenda
A viceprimeira ministra británica deixou o cargo no Goberno e tamén no partido Laborista

A viceprimeira ministra británica, Angela Rayner, presentou este venres a súa dimisión tras desvelarse que non pagou suficientes impostos cando comprou un piso na localidade costeira de Hove, no sur de Inglaterra.
A política laborista aforrou 40.000 libras (46.000 euros) en impostos porque alegou que o inmoble que estaba mercando era primeira vivenda, cando en realidade non era así.
Rayner, referencia da esquerda laborista, viuse forzada a renunciar despois de que fose investigada por Laurie Magnus, encargado de supervisar o comportamento ético dos ministros. Ademais deixou tamén o seu cargo de número dous do Partido Laborista.
A renuncia de Angela Rayner
Na súa carta de dimisión remitida ao primeiro ministro británico, Keir Starmer, Rayner dixo que lamentaba profundamente a súa decisión de "non buscar asesoramento fiscal especializado adicional" e agregou que asume "toda a responsabilidade por este erro".
O pasado mércores, Rayner admitiu que non pagara os impostos regulamentarios do piso e que ela mesma pedira a Magnus que a investigase para establecer se violou a ética profesional que se espera dos membros do Goberno.
Dixo que en ningún momento buscou evadir impostos. Segundo explicou, o que aconteceu é que recibira asesoramento legal "incorrecto".

A polémica xurdiu cando os medios revelaron que a política laborista aforrou 40.000 libras (46.000 euros) ó comprar o seu piso en Hove. Pagou por el 800.000 libras (920.000 euros), porque comunicou ás autoridades fiscais que era a súa primeira vivenda, cando en realidade non o era e debía pagar un imposto máis alto", agregou.
Tras esta dimisión, espérase que Starmer inicie un reaxuste xeral do seu Goberno.