Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trump rebautiza o Pentágono como Departamento de Guerra

Trump rebautiza o Pentágono como Departamento de Guerra

Foi o nome oficial da institución militar estadounidense ata 1947

O  presidente norteamericano xustifica o cambio porque baixo esa denominación o país logrou as súas maiores vitorias militares

Vista aérea do Pentágono, que pasará a coñecerse como Departamento de Guerra dos EUA Vista aérea do Pentágono, que pasará a coñecerse como Departamento de Guerra dos EUA
G24.gal 05/09/2025 11:32

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, asinará este venres unha orde executiva para que o Departamento de Defensa poida coñecerse tamén como Departamento de Guerra, nomenclatura que tivo esta institución militar entre 1789 e 1947.

Avanzouno na rede social X o secretario de Defensa, Pete Hegseth, nun chío onde non aclarou cando se produciría este cambio de denominación.

"Un dos beneficios de ser secretario de Defensa…", dixo Hegseth cara ao final do seu discurso, e, tras unha pausa, engadiu: "Se cadra o título é un pouco diferente mañá. Veremos".

Departamento de Guerra, título secundario

Segundo Fox News e outros medios como BBC, Departamento de Guerra sería un título secundario do Departamento de Defensa.

Pete Hegseth pasaría a coñecerse como secretario de guerra e terá a facultade de propoñer accións lexislativas e executivas para que o nome de Departamento de Guerra sexa permanente e non un engadido ao Departamento de Defensa.

A responsabilidade de crear departamentos executivos nos Estados Unidos recae no Congreso, polo que tamén podería ser necesario a súa participación ante o cambio legal do nome dun departamento.

O porqué do cambio

Foi o 25 de agosto pasado cando Trump suxeriu que podería cambiar o nome do Departamento de Defensa polo de Departamento de Guerra, alegando que baixo esa denominación o país logrou as súas maiores vitorias militares.

"Gañamos a Primeira Guerra Mundial, a Segunda Guerra Mundial e chamábase o Departamento de Guerra. E para min iso é realmente o que é. Defensa é parte diso", comentou Trump durante unha reunión co seu homólogo coreano, Yoon Suk-yeol.

A idea de restaurar o Departamento de Guerra foi mencionada por primeira vez pola Administración en marzo pasado, cando Pete Hegsth sacou a relucir o tema, pero sen detallar se a iniciativa implicaría cambios estruturais no funcionamento do Pentágono.

O Departamento de Guerra foi o nome oficial da institución militar estadounidense ata 1947, cando se reformou e pasou a chamarse Departamento de Defensa como parte dunha estratexia máis diplomática durante a Guerra Fría. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade