Putin volve convidar a Zelenski a Moscova, pero descarta presenza de tropas estranxeiras en Ucraína
O presidente ruso rexeita unha futura presenza de tropas estranxeiras no país veciño tanto antes como despois da paz

O presidente ruso Vladimir Putin convidou hoxe o seu colega ucraíno Volodimir Zelenski a celebrar negociacións de paz en Moscova, algo que este xa rexeitou, á vez que descartou unha futura presenza de tropas estranxeiras no país veciño, tanto antes como despois da paz.
"A parte ucraína quere e expón este encontro. Eu xa dixen: Estou disposto, por favor, veñan, nós garantimos total e plenamente as condicións de traballo e seguridade. A garantía é do 100 %", dixo no marco da súa intervención no Foro Económico Oriental que se celebra na cidade portuaria de Vladivostok.
Putin, que non se ve con Zelenski desde decembro de 2019, cualificou de gratuíta a proposta de Kíiv de que a reunión teña lugar nun terceiro país. "A próxima vez, se alguén quere realmente reunirse connosco, estamos listos. O mellor lugar para iso é a capital da Federación Rusa, a cidade-heroína Moscova", dixo, ante unha sala que celebrou as súas verbas cun sonoro aplauso.
Ao mesmo tempo, asegurou que a día de hoxe non lle ve sentido á devandita reunión, en gran medida debido á falta de lexitimidade de Zelenski como xefe de Estado ucraíno, argumento que Putin repite desde maio de 2024, cando Moscova considera que expirou un mandato que a Constitución non lle permite prolongar nin en caso de guerra.
"Non lle vexo moito sentido. Por que? Porque chegar a un acordo coa parte ucraína é practicamente imposible sobre os asuntos clave. Mesmo se hai vontade política, sobre o que dubido, existen dificultades xurídico-técnicas", afirmou.
Zelenski asegurou a véspera en París que a invitación para que viaxe a Moscova é unha demostración de que Putin non quere, en ningún caso, reunirse con el, mentres o ministro de Exteriores Andri Sibiga cualificou a proposta de inaceptable.
O Vaticano, Turquía, Suíza e os países do Golfo Pérsico ofrecéronse a acoller o cumio, que conta co apoio co presidente dos EUA Donald Trump.
En canto á presenza de tropas estranxeiras, algo que foi abordado de novo este xoves pola Coalición de Voluntarios en París, o líder ruso descartouno totalmente tanto antes como despois da guerra. "Esa é unha das causas orixinais do conflito, o achegamento de Ucraína á OTAN. Por iso, se aparecen alí tropas, especialmente agora, durante as accións militares, serán obxectivos lexítimos", explicou.
O mesmo dixo no caso de que se alcance un acordo que conduza a unha paz duradeira entre ambos os países. "Entón, non vexo sentido ningún á súa presenza en territorio de Ucraína. E é que, se se logra un acordo, ninguén dubida de que Rusia o cumprirá na súa totalidade", insistiu.
Agregou que Rusia respectará as garantías de seguridade que, por suposto, deben ser aprobadas para Rusia e para Ucraína. "Sexa como sexa, polo momento ninguén abordou seriamente isto connosco", sinalou.