Publicador de contidos

Publicador de contidos

Julio Abalde será o novo subdelegado do Goberno na Coruña

Julio Abalde será o novo subdelegado do Goberno na Coruña

 

María Rivas iniciará nova etapa no Concello da Coruña e tamén se prevé substitución de Isabel Rodríguez na Subdelegación de Lugo

Aitor Bouza ocupará o escano que deixa Julio Abalde

O exreitor da Universidade da Coruña Julio Abalde (PSdeG) O exreitor da Universidade da Coruña Julio Abalde (PSdeG)
G24.gal 05/09/2025 16:54

O exreitor da Universidade da Coruña Julio Abalde será o novo subdelegado do Goberno coruñés en substitución de María Rivas.

Deixará así un escano libre no Parlamento de Galicia que toca ocupar ao secretario local do PSOE compostelán e ata o de agora asesor dos socialistas no Pazo do Hórreo, Aitor Bouza.

O novo cargo de Abalde foi confirmado por fontes coñecedoras da decisión, na mesma xornada na que Rivas fixo público no seu perfil da rede social X que abandona a Subdelegación do Goberno.

"Anúnciovos que en breve inicio nova etapa no Concello da Coruña", trasladou Rivas.

E é que Rivas, licenciada en Socioloxía pola Universidade da Coruña con posgrao en Dirección de Recursos Humanos en Empresas, Organizacións e Institucións pola UDC, é funcionaria do Concello da Coruña desde o ano 2001.

Segundo fai constar no seu currículo da Subdelegación, en xuño de 2018 asumiu a xefatura de Gabinete do delegado do Goberno en Galicia ata o seu nomeamento como subdelegada en xuño de 2021.

"Pecho outra marabillosa etapa na Subdelegación do Goberno. Con ilusión e compromiso incorpórome ao proxecto de presente e futuro da alcaldesa Inés Rey", traslada este venres no seu perfil.

Abalde deixará un escano libre

Abalde, pola súa banda, é desde 2011 catedrático da área de Microbioloxía na Facultade de Ciencias da Coruña. Foi reitor da institución desde 2016 a 2024.

Con José Ramón Gómez Besteiro como candidato á Xunta sumouse ás listas do PSdeG nas últimas eleccións autonómicas do pasado ano. Ocupou un escano na Cámara autonómica ata o de agora xunto con Iglesias e Silvia Longueira.

Substitución en Lugo

Anticipan que o de Rivas non será o único cambio nas subdelegacións do Goberno de España en Galicia. Tamén está previsto a substitución en Lugo de Isabel Rodríguez, co que se daría continuidade ás renovacións que xa tiveron lugar nas outras provincias.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade