Minutos antes das seis da tarde saíu de Santiago o primeiro tren con destino Madrid despois de seis días coa circulación suspendida a causa dos incendios que asolaron o noroeste peninsular.
Con todo, e malia aos días de atraso, este primeiro tren non se encheu, xa que foron moitos os viaxeiros que optaron por buscar xeitos alternativos de desprazarse ata a capital española.
O número total de afectados pola suspensión do servizo ascende a 50.000 viaxeiros e o total de trens suprimidos é de 101.
De feito, a pesar de que Adif e Renfe anunciaran o restablecemento da liña, foron numerosos os que se achegaron esta tarde á estación de tren de Santiago de Compostela aínda coa dúbida de se poderían viaxar este mércores ou non.
Por iso, antes de que se abrira a fila para acceder ás vías, amoreábanse ante os mostradores de información e ante os traballadores que permanecían na estación para facilitar o acceso aos convois.
A situación foise normalizando así co restablecemento da circulación, mentres que a sorpresa e o alivio se apoderaron de moitos dos que recibiron a noticia de que o trámite para subir ao tren non tería dificultade ningunha.
Para ocupar os trens adicionais que dispuxo Renfe, os viaxeiros non tiveron que facer ningunha xestión
A estes viaxeiros permitíuselles emprender a viaxe unicamente con presentar o billete de días anteriores.
“Hai que dar facilidades e sacarvos de aquí, bastante estivestes”, explicaba unha traballadora de Renfe aos usuarios que se achegaban aos mostradores de Atención ao Cliente con dúbidas sobre o cambio de billetes.
Situación similar viviuse na estación de Ourense, desde onde saíu un AVE con destino Madrid ás 17:04 horas e no que se priorizou o embarque de quen tiña billetes atrasados de xornadas anteriores.
O transporte ferroviario retoma a súa actividade coa previsión de completar os convois durante toda a semana, xa que están completos e sen prazas dispoñibles as viaxes desde Galicia con destino Madrid para o xoves e o venres.
De todos os xeitos, tamén foron numerosas as persoas que se achegaron aos mostradores para reclamar o reembolso dos seus billetes porque xa realizaran as súas viaxes noutros medios de transporte ao non poder esperar a que se restablecese a liña, o que non se confirmou ata este mediodía.
Un peregrino, Joaquín, contou a EFE que el pensaba volver a Madrid hai tres días pero puido alongar a súa estancia en Santiago porque podía aloxarse na casa dun amigo, mentres que outros camiñantes aos que coñeceu no seu traxecto tiveron que optar por fórmulas alternativas, como ir en autobús.
Edith, unha moza de Ourense que pretendía viaxar a Málaga -con enlace en Madrid- o pasado xoves, optou por viaxar en coche ata Zamora e emprender o traxecto en tren desde alí despois de levar días cambiando de data o seu billete. Agora deberá reclamar a devolución dun billete que modificou de día ata en tres ocasións.
Malia iso, decenas de persoas subiron a este primeiro tren dirección Madrid e prevese que outras tantas fagan o mesmo durante esta xornada, xa que hai programadas outras dúas frecuencias na capital galega para facilitar o traxecto a quen, tras días de espera, xa pode viaxar.
Entre eles, Miguel e Teresa, unha parella xa xubilada de preto de Madrid que se achegara facer turismo pola costa galega sen contar con que a súa estancia se alongaría un “pouco máis” aínda que, segundo narraron, intentaron buscar a parte positiva, ao poder coñecer novos recunchos de Galicia.