Estabilizado o incendio de Carballeda de Valdeorras que arrasou 850 hectáreas
O lume orixinouse o sábado na parroquia de Casaio, que xa sufriu outro incendio no mes de agosto
Na fronteira con Castela e León vixían un incendio que obrigou a confinar a poboación de Castromil
O incendio que comezou este sábado na parroquia de Casaio, en Carballeda de Valdeorras, quedou xa estabilizado o domingo pola noite e queimou 850 hectáreas, segundo os últimos datos facilitados pola consellería do Medio Rural.
Durante toda a xornada, rexistráronse na zona fortes refachos de vento que dificultaron a extinción.
Para tentar controlalo, mobilizaron tres técnicos, 18 axentes, 22 brigadas, 21 motobombas, catro pas, tres unidades técnicas de apoio, seis helicópteros e catro avións. Ademais, sumouse a Brigada de Reforzo en Incendios Forestais (BRIF) con base en Tabuyo del Monte (León).
Esta localidade xa sufriu outro lume en agosto, que arrasou 5.300 hectáreas na contorna das montañas de Trevinca. Daquela, comezara en Porto, na comarca zamorana de Sanabria, e traspasara a fronteira con Ourense.
Imaxes do lume en Casaio o pasado agosto
Lume en Castromil
Na fronteira con Castela e León, os servizos de extinción vixían a evolución doutro incendio. Iniciárase o venres en Galicia e quedara controlado, pero o sábado volveu prender e obrigou a confinar a poboación de Castromil, localidade a cabalo entre Zamora e Ourense.
Agora, o lume baixou a nivel 1 e a veciñanza xa pode saír da casa. A superficie queimada ascende a 400 hectáreas. Numerosos medios aéreos e tamén terrestres, traballan na extinción.