Renfe confirma que a circulación entre Galicia e Madrid seguirá suspendida todo o domingo
Desde Adif recordan que son varios os focos que ameazan a operativa da liña
Os viaxeiros afectados non atopan alternativas con facilidade
O servizo de alta velocidade entre Madrid e Galicia, interrompido desde o xoves polos incendios na provincia de Ourense continúa. Desde Adif recordaron que son varios os focos que ameazan a operativa da liña.
Na tarde do domingo Renfe confirmou que a circulación entre Zamora e Ourense non se vai retomar debido á mala evolución dos incendios.
📢 🔴 Queda suspendida definitivamente por hoy la circulación entre Galicia y Madrid, debido a la mala evolución de los incendios. Agradecemos su comprensión. https://t.co/AisqPoRXBV
— InfoRenfe (@Inforenfe) August 17, 2025
En Ourense atopamos afectados que se achegaran á estación por se lles ofrecían algunha saída.
"Sabiamos que o tren estaba cortado, pero nos correos que nos enviaron dábase a entender que viñésemos e preguntásemos en información para ver que alternativas nos daban, pero non hai alternativas", aseguraba unha moza.
Á vista da situación, os pasaxeiros con destino Madrid trataban de buscar solucións pola súa conta. A idea pasaba por dar con algunha praza en coche compartido.
"Non hai autocares porque as prazas a todas as cidades próximas están completas ata dentro de varios días. Tentamos alugar coche pero tampouco hai turismos dispoñibles", engadía a viaxeira.
"Agora mesmo non hai alternativas que saibamos. Estamos tratando de xestionar cun blablacar ou algo así", puntualizaba outro afectado.
"Aínda que non vaiamos directos a Madrid, que poidamos por exemplo ir a Burgos e de Burgos xa ver como baixar dalgún xeito", conformábase a primeira.
Ademais do AVE tamén se mantivo cortado o treito entre Montefurado, en Lugo, e Vilamartín de Valdeorras, en Ourense, da liña León-Monforte de Lemos, con afectación en todos os servizos de media e de longa distancia.