Veciños de Beluso, en Bueu, denuncian que as ambulancias non chegan ata as súas casas
Aseguran que os propietarios aceptan a cesión dos terreos para a ampliación dos camiños da Torre e Sobreira
Demandan tamén que a Deputación e o Concello cumpran o acordo de 2009 para mellorar a seguridade dos peóns
Veciños da parroquia de Beluso levarán este luns ao pleno municipal de Bueu, as protestas que manteñen dende hai anos en demanda de melloras nos accesos ás súas vivendas. Camiños polos que non cabe unha ambulancia, segundo denuncian. E para mostra, a imaxe dos sanitarios transportando unha doente que vive no fondo do camiño da Torre. Á man, sobre un pavimento de formigón e con bastante pendente.
"Non temos acceso para ambulancia, nin para bombeiros, nin para nada. E tiveron que sacarme en padiola por este camiño, por aí arriba", relata a veciña que vive no fondo co camiño á que tiveron que sacar á man ata a estrada porque o vehículo sanitario non pode chegar ata a súa casa.
A estreitura do camiño condiciona a vida dos veciños do barrio da Roza en Beluso. Hai acordo cos lindeiros para que cedan parte das propiedades para o ancheamento e mellora do acceso.
"Os veciños están e acordo, só falla que o concello execute a obra", di José Antonio Torre, veciño do barrio da Roza, que lidera as protestas.
O mesmo problema e tamén a mesma solución presenta outro camiño, o da Sobreira, onde as fitas marcan as cesións nas testeiras para ampliar a vía. Unha obra só pendente de orzamento.
"Na actualidade estes terreos xa son do concello. Estamos a espera de que se faga o proxecto, pero de momento está todo paralizado", sinala José Antonio Torre.
As queixas diríxense a todas as administracións. Hai uns días os veciños levaron as protestas á sede da Deputación provincial en Pontevedra. Alí reclamaron o cumprimento dun acordo de 2009 para a construción de beirarrúas na estrada que une o centro de Beluso con Cabo Udra, que agora supón un perigo para os peóns.
"Non temos ningún tipo de servizo, temos que ir camiñando oitocentos metros e non temos medidas de seguridade. E máxime no verán, porque este é o acceso a todas as praias da zona de Cabo Ubra e é un verdadeiro perigo", afirma José Antonio Torre.
Este luns o escenario da reivindicación será o pleno municipal de Bueu.