Unha aldea de 50 habitantes contrata a Panorama para as festas
Os artífices desta idea son tres veciños que forman a comisión de festas de Taíde, situado na parroquia de Barbadelo, en Sarria
A festa ten lugar entre o 5 e o 7 de xullo, sendo este último o día que actúa a Panorama
Os veciños de Taíde, na parroquia de Barbadelo, celebran as festas na honra a San Pedro, unha das festividades máis lonxevas de toda Galicia.
"Vense facendo xa dende a II República", asegura José Luís González, membro da comisión de festas de Taíde.
Con apenas unha vintena de casas e uns 50 veciños, esta aldea de Sarria conseguiu contratar para as súas festas a orquestra Panorama. Pero como xorde a idea de traer unha orquestra deste tipo?
"No 2019, eu estaba loitando contra unha enfermidade e falamos eu máis o meu compañeiro Carlos de facela algún ano. Entón díxenlle eu que se no 2025 seguía viva, faciámola. No 2023, eu máis outro compañeiro, estabamos vendo a Panorama e propuxo traela a Taíde", comenta María Gato, membro da comisión de festas.
"E María díxome que no 2025 quería, xunto con Carlos, traer os Satélites. Entón que falaba con el e que víamos se se podía traer a Panorama", conta José Luís.
"En principio non o cría, pensaba que era unha trola deles. Unha vez que xa mo crin, non me daban os números, pero vaia, en definitiva, ao final vai vir a Panorama, van vir os Satélites...", asegura Juan Carlos Rodríguez, o terceiro membro da comisión.
Debido á cantidade de xente que esperan e aos escenarios destas grandes orquestras, víronse na obriga de cambiar o campo da festa de toda a vida por un que está xusto detrás e que conta con dúas hectáreas e media, fronte á media hectárea de antes.
Para recadar o diñeiro levaron á practica varias ideas, como encontros populares, comidas ou sorteos.
A festa celébrase entre o 5 e o 7 de xullo, sendo este último día no que actúa a recoñecida orquestra.