Modas e supervendas nos complementos de praia
A cadeira de praia segue a ser un éxito tamén entre os rapaces máis novos
Con esta calor e con media Galicia de vacacións, os complementos de verán e, sobre todo de praia ou piscina enchen as tendas. Tamén aquí hai modas, este ano un xogo de globos con auga, e nada de colchonetas xigantes. Os nenos son os que teñen máis onde escoller.
"Este ano a colchoneta máis vendida é a máis básica, é como un asento. E logo tamén está de moda o Bola buum, que é un xogo que leva un globo de auga dentro e que hai pasar rápido, antes de que rompa", di Raquel Rey, encargada da tenda Novo Center.
Pero cada ano aumenta a oferta tamén para os maiores.
"Sempre van aparecendo cousas novas. Acabamos de ver unha bandexa que se pode enganchar ao parasol. Cada ano sacan cousas novas, antes era unha toalla e un bocadillo", comenta un cliente.
Como en todo, hai un supervendas é un clásico, as cadeiras de praia.
"Antes estaban máis pensada para xente maior, pero agora a partir dos vinte anos xa están comprando as cadeiras para estar máis cómodos na praia. Este ano temos máis stock, para non quedar sen existencias no inicio do verán", di Raquel Rey, encargada da tenda Novo Center.
Haberá que agardar para saber se as cadeiras de praia repiten éxito.