Os pés están máis expostos no verán e requiren coidados extra
Os podólogos aconsellan hidratalos, protexelos do sol e non abusar das chanquetas
A prevención é a clave para garantir uns pés sans e no verán convén enfatizar o seu coidado porque están máis expostos.
"Implementar unha boa hidratación, unha hixiene minuciosa, un moi bo secado entre as dedas", aconsella o podólogo Manuel Tojo.
Non se pode esquecer tampouco a protección solar nas empeñas.
"Tanto cando acudamos á praia como cando realicemos actividades ao aire libre. É unha zona que queda totalmente exposta e pódense producir queimaduras solares", recorda o especialista.
Para evitar infeccións, Manuel Tojo subliña a necesidade de poñer chancletas ao ir á piscina, nas duchas comúns e mesmo nos chiringuitos, pero advirte contra o uso constante deste calzado.
"Apenas suxeitan o pé, teñen solas excesivamente planas e poden producir sobrecargas a nivel muscular e mesmo alteracións do patrón de marcha", subliña.
Para o día a día recomenda un calzado que suxeite ben, transpirable, con algo de amortecemento e non totalmente plano.
Na praia, afirma que camiñar descalzo pola area é bo para os pés, pero sen abusar e aconsella facelo pola zona húmida, máis plana e compacta.
"E facer sempre o camiño de ida e o de volta porque se a praia ten algo de inclinación hai que compensar esa inclinación", engade.
O especialista recorda en todo caso que os pés hai que coidalos sempre e propón unha revisión anual.
"Os galegos non coidamos aínda suficientemente os pés", asevera.
