Investigan tres persoas por roubar no campo de fútbol de Cambados
Son tres veciños de Meis, Ribadumia e Vilagarcía de Arousa, de idades comprendidas entre os 40 e 51 anos

A Garda Civil de Cambados investiga tres persoas como presuntos autores dun roubo con forza ao acceder ás instalacións do campo de fútbol e subtraer varios obxectos.
Son tres veciños de Meis, Ribadumia e Vilagarcía de Arousa de idades comprendidas entre os 40 e 51 anos, e todos teñen antecedentes policiais.
Así, no anexo dunha vivenda en Meis os axentes interviñeron diversos efectos, pendentes de determinar a súa procedencia, pero sospeitan que procedan doutros roubos.
Os axentes recomendan aos cidadáns que nos últimos meses denunciasen algún roubo pasen polo cuartel de Cambados, de luns a venres en horario de 08:00 a 14:00 horas, para identificar os efectos recuperados.