Investigados cinco veciños de Ponteareas e Mondariz polo roubo continuado de cable de cobre
O seu modus operandi era roubar e queimar o recubrimento de plástico do cable para desprendelo e así vender ese cobre a diferentes empresas da zona

A Garda Civil de Ponteareas investiga a cinco persoas de entre 29 e 48 anos, veciños de Ponteareas e Mondariz, como presuntos autores dun delito continuado de roubo con forza de cable de cobre.
Segundo explicou o Instituto Armado nunha nota de prensa, foi en maio de 2024 cando se recibiu a primeira das denuncias por parte do Concello de Ponteareas.
En concreto, informábase da subtracción de cable eléctrico da rede pública de varias parroquias da localidade. O Equipo Básico de Inspeccións Oculares (EBiO) de Ponteareas iniciou unha investigación e recibiu máis denuncias coa mesma tipoloxía, neste caso de particulares.
O modus operandi dos autores era roubar e queimar o recubrimento de plástico do cable para desprendelo e así vender ese cobre a diferentes empresas da zona, "comprobando que a contía total das ganancias podería chegar aos 115.000 euros".
Nunha das ocasións, un dos presuntos autores, ao ser descuberto polo propietario e este recriminarlle a acción, chega a ameazarlle cunha ferramenta que portaba na man. Cabe destacar que o operativo culmina o pasado día 25, coa investigación destas cinco persoas.