Lucas Noubi, primeira fichaxe do R. C. Deportivo
De nacionalidade belga e camerunesa, firma ata xuño de 2029
Será presentado a próxima semana no Estadio Abanca-Riazor
Tras a incorporación de Antonio Hidalgo como novo adestrador, o conxunto branco e azul anuncia a fichaxe de Lucas Noubi, quen se converte na primeira incorporación da temporada 2025-26. O central belga chega tras finalizar contrato co Standard de Lieja para reforzar a defensa tras as despedidas de Pablo Martínez e Jaime.
"O ascenso é o obxectivo. É un club ambicioso e eu son ambicioso".
Tal e como destaca o comunicado do club, o futbolista de 20 anos e 1,86 metros de altura, destaca pola súa presenza física, boa saída de balón e capacidade para anticiparse no xogo defensivo.
"Defínome como un tipo serio ao que lle gusta traballar. Gústame traballar en equipo, son agresivo no campo e quero gañar partidos".
Internacional coas todas as categorías inferiores da selección de Bélxica, debutou no fútbol profesional con tan só 17 anos. Acumula 31 partidos na Jupiler Pro League (Primeira División belga) e 22 na Challenger Pro Leache (Segunda División Belga). Agora chega á Coruña para pelexar por un posto no centro da zaga.