Catro mortos e 14 feridos nun tiroteo masivo en Chicago
O suceso ocorreu nunha zona de lecer nocturno e deixou tres persoas en estado crítico
Van 195 tiroteos masivos nos Estados Unidos no que vai de ano

Catro persoas morreron e outras 14 quedaron feridas nun tiroteo masivo que tivo lugar o mércores en Chicago, segundo informaron as autoridades locais.
Entre as vítimas mortais hai dous homes e dúas mulleres, mentres que tres dos feridos están hospitalizados en estado crítico. A maioría das vítimas teñen entre 20 e 30 anos.
O tiroteo produciuse no barrio de River North, coñecido pola súa vida nocturna, cando un vehículo se detivo xunto a unha discoteca e, segundo a policía de Chicago, polo menos un home comezou a disparar contra un grupo de persoas que se atopaban fóra do local.
Case 200 tiroteos masivos en 2025
Segundo datos da ONG Gun Violence Archive, desde o inicio do ano faleceron 7.401 persoas nos Estados Unidos por violencia con armas de fogo e outras 13.288 resultaron feridas.
Ademais, rexistráronse 195 tiroteos masivos, definidos como aqueles nos que polo menos catro persoas resultan feridas ou mortas, sen contar o agresor.