Detido en Ferrol por disparar ao aire tras protestar polo ruído dunha churrascada
O home abriu a porta cunha arma na man cando chegou a Policía Local
Tiña permiso para ter a arma, pero foi trasladado á comisaría

A Policía Local de Ferrol detivo este xoves pola noite un home duns 40 anos acusado de disparar ao aire tras recriminarlle a un veciño o ruído dunha churrascada.
O suceso tivo lugar na zona de Serantellos arredor das 21:50 horas, cando o 112 recibiu o aviso dun veciño que escoitara varias detonacións.
Segundo o relato policial, o home detido protestou polo ruído da celebración e regresou á súa vivenda.
Pouco despois, os asistentes á churrascada escoitaron o que poderían ser disparos. O organizador da festa achegouse entón á casa lindeira, onde o veciño abriu a porta cunha arma na man.
Ao chegar os axentes, o home volveu abrir a porta portando a mesma arma, polo que foi detido e trasladado á comisaría da Policía Nacional. As autoridades confirmaron que o detido ten licenza para posuír a arma que levaba nese momento.