Publicador de contidos
Publicador de contidos

Veciños da Pobra do Caramiñal claman contra as obras de apropiación dun camiño público

Veciños da Pobra do Caramiñal claman contra as obras de apropiación dun camiño público

Son uns corenta prexudicados directamente que non poderían acceder aos seus terreos na Crocha de Levante

Denuncian o que consideran atropelo por parte dun veciño e quéixanse da falta de resposta á denuncia que presentaron no Concello hai seis mes

Imaxe do día 17 de abril da obra que un particular fixo no camiño do Rodel, na Pobra do Caramiñal
G24.gal 18/04/2024 10:00

Un muro case rematado que deixa superficie do camiño entre o cerramento da leira, outro coa base de pedra colocada e unha columna lista para acoller un portón. É a obra coa que un veciño da Crocha de Levante, ten alterada a convivencia en dous lugares da Pobra do Caramiñal.

Pretende pechar o paso por un camiño de uso público. Directamente prexudicados hai corenta propietarios de terreos. Lembran que o autor puido construír a casa grazas a que consentiron verbalmente cambiar o trazado orixinal do camiño.

Ramona Fandiño di que "despois de vinte anos de pasar nós por aquí sen ningún problema nin pola súa parte nin pola nosa. Agora el decide apropiarse del, di que é da súa propiedade e quere poñer un portal".

"Temos animais na bodega, polo que se pecha isto non poderiamos pasar. Ademais, está a levantar o camiño, que é público do Concello, que é quen o asfalta. E aí están as placas do piche arrincada. El colleu o camiño como perico pola súa casa", explica a tamén prexudicada Vanesa Davila Oubiña.

Víctor Sampedro, tamén propietario de terreos na zona refírese ao denunciado: "Rompeu aquí isto e agora digo eu, se hai un accidente ou un incendio como se fai".

E Rosa María Domínguez Insua fala do alcance que isto ten para todos: "Veñen os rapaces bañarse. A xente maior vén camiñar á beira do río. Penso que isto é un atropelo".

Teñen presentada denuncia na Garda Civil e no Concello. Din que non entenden a demora do Goberno municipal da Pobra do Caramiñal para frear unha obra que, insisten, corta un camiño de todos.

"No Concello dannos a razón, que si que está a obrar sen permiso e que non pode facer isto, pero o Concello di que tamén está un pouco preso, porque lle falta a sinatura dun secretario que, polo visto, só vén de cando en vez a asinar", explica Ramona.

Intentamos coñecer a versión do denunciado, pero non obtivemos resposta. Si observamos máis axilidade para chamar a Policía Local para que nos identificara, alegando unha acusación errónea de que entraramos en terreo privado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar