Veciños da Laxe, en Vilagarcía, denuncian o estado de abandono das beiras do río do Con
Non poden abrir portas nin fiestras porque entran ratas
O estado do río podería provocar inundacións como xa ocorreu no 2006
O barrio da Laxe, en Vilagarcía de Arousa vive pegado ao río, algo que pode parecer idílico, pero os veciños da zona quéixanse porque o río presenta unha grave estado de abandono, cheo de maleza.
Os veciños denuncian o estado de abandono da beira do río e algo máis porque precisamente pola maleza están proliferando ratas de gran tamaño e serpes que poñen en risco a nenos e maiores.
Teñen medo de sufrir unha inundación como a que xa ocorreu no 2006, cando moitas casas sufriron inundacións e tiveron que investir moitos cartos para poder volver a vivir nelas.
Os problemas non quedan só na contorna deste río do Con. Os veciños falan de deficiencias na estrada principal do barrio, falta de colectores de lixo e falta de servizos con respecto ao núcleo urbano, pese que eles pagan os mesmos impostos.
As reivindicacións destes veciños van dirixidas tanto ao Concello de Vilagarcía como a Augas de Galicia. Aínda que desde Augas de Galicia confirman que ao tratarse dun tramo urbano do río, as competencias indican que a limpeza e coidado dese tramo do río do Con pertence ao Concello de Vilagarcía.
Os veciños da Laxe, coas súas denuncias, esperan que polo menos a beira do río do Con se limpe antes de que cheguen as primeiras choivas e poidan provocar inundacións no barrio.