Varias tendas de Ribadeo emprenden unha campaña contra o Black Friday
Consideran que só beneficia o comercio en liña e as cadeas das grandes superficies comerciais
Ata catro tendas da principal rúa peonil do centro de Ribadeo amosan carteis nos que se destaca que non secundan o Black Friday. Entre os motivos que esgrimen figura que este tipo de campañas non beneficia o pequeno comercio local, senón as grandes cadeas e as transaccións en liña.
"Cada vez podemos competir menos coas grandes firmas. Entón, este Black Friday, e posiblemente os futuros, decidimos non secundar esta campaña, posto que as nosas marxes se ven cada vez máis reducidas", explica a comerciante Lorena Calleja.
Outro argumento en contra do Black Friday é a existencia durante todo o ano de promocións que fidelizan a clientela do pequeno comercio. É o caso das chamadas 'panchas', que son unha especie de moeda local.
"Si que é verdade que o Black Friday ten unha cousa moi mala, que é eliminar as compras como mínimo unha semana antes. O consumo paralízase porque a xente espera ao Black Friday. Tamén hai que dicir que en Ribadeo contamos cunha vantaxe, que son as 'panchas'. Temos eses dez euros que regala o Concello por cada compra de 30", sinala Jesús Pérez, xerente da asociación de comerciantes ACISA.
Outros comerciantes ribadenses non desbotan sumarse a esta contracampaña nos anos vindeiros.