O Black Friday chega ao seu cénit cos comercios abertos tamén o domingo
O Black Friday chega ao seu cénit cos comercios abertos tamén o domingo
Estímase que oito de cada dez galegos aproveiten estes descontos
Estímase que oito de cada dez galegos están tratando estes días de aproveitar os descontos do Black Friday, unha chamada ao consumo importada dos Estados Unidos que alcanza esta fin de semana o seu cénit.
"Vimos máis ben a ollar", di un home.
"Nós xa picamos. Levamos uns días picando", recoñece unha muller.
A maioría dos establecementos anuncian rebaixas de entre o 20 e 50 % en artigos seleccionados.
"Moi ben. Merece a pena vir", asegura unha compradora.
"Os prezos baixan un pouco pero tampouco coma nas rebaixas de principios de ano", opina outro comprador.
Hai quen chega ás tendas cos deberes feitos e quen se deixa seducir sen máis.
"Botara un ollo na páxina web dalgunhas tendas e creo que hai boas ofertas e que é unha boa oportunidade para mercar cousas novas", explica unha moza.
"Como estaba mal tempo dixen vou dar unha volta ata o Marineda e ao final comprei uns pantalóns", confesa un cliente.
O Black Friday abriu a temporada de compras máis forte do ano, unha temporada que inclúe a campaña de Nadal e as rebaixas de xaneiro e que ten un calendario de apertura especial: o comercio vai poder abrir, desde mañá, todos os domingos de decembro.
Aínda que máis dun recoñece a súa preocupación polo exceso de consumo, nestas datas poucos se libran de picar.
"Igual tiñamos que mirar un pouco máis polo que temos e intentar estender un pouquiño o uso da roupa", reflexiona unha moza.
"Toda esta roupa que che vén diariamente á casa desde quen sabe que parte do mundo creo que é excesivo", afirma un home.
"Cando ves a comprar non pensas no impacto ecolóxico. Miras prezo, miras oportunidade e segues para adiante", admite outro comprador.