Varias institucións asinan un compromiso para fomentar o galego nos camposantos
Representantes da Xunta, dos concellos, da Deputación de Ourense e das igrexas católica e evanxélica asinaron a Declaración de Bande
Entre todos, pretenden impulsar o uso do galego nun espazo onde ten unha presenza moi escasa
O presidente do Parlamento deu o primeiro paso, galeguizando o epitafio do panteón familiar
"É o último poema que escribiu Celso Emilio Ferreiro, alá polo ano 1979, pouco antes de morrer, e dedicoullo a meu pai", explica Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento galego, sobre a placa que instalou no panteón da súa familia en Bande. Un xesto, dixo, de compromiso coa nosa lingua.
"Meu pai foi un galeguista convencido, moi amigo de don Ramón Otero Pedrayo, de Celso Emilio Ferreiro, e non o dubidei. Ata agradezo que me fixeran esta petición", sinala Santalices.
A iniciativa de galeguizar os camposantos é da asociación de funcionarios para a normalización lingüística, que levan máis de vinte anos traballando para que o galego perviva tamén despois da morte.
Xosé González Martínez, secretario da asociación de funcionarios para a normalización lingüística: "Facemos estes actos cun fin pedagóxico. Explicarlle á xente que é un contrasentido vivir en galego e morrer en castelán".
O propio Imelga, o Instituto de Medicina Legal de Galicia, sumouse a este compromiso para afondar na galeguización da medicina forense.
Tamara Méndez, médica forense en Ourense: "Hai pequenas cuestións, como a codificación internacional de enfermidades, que están traducidas ao catalán pero non ao galego".
Os promotores da Declaración de Bande animan a todos os alcaldes galegos a sumárense a este proxecto para dar exemplo.