Publicador de contidos

Publicador de contidos

'Xenocidio', elixida Palabra do Ano 2025 en Galicia pola votación popular da RAG

'Xenocidio', elixida Palabra do Ano 2025 en Galicia pola votación popular da RAG

A RAG explica nun comunicado que o neoloxismo foi creado por Raphaël Lemkin (1901-1959) e constitúe, en palabras do historiador galego Antonio Míguez Macho, un dos conceptos que cambiaron o mundo

'Xenocidio' impúxose con máis de 4 de cada 10 votos emitidos, 2.948 dos case 7.200 rexistrados, adiantándose así á palabra finalista vinculada a outro fenómeno de natureza moi distinta: 'foliada'

G24.gal 26/12/2025 12:28

A votación popular para a elección da Palabra do Ano 2025 da campaña do Portal das Palabras, a web para a difusión do léxico galego promovida pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié, concluíu coa elección de 'xenocidio'.

A RAG explica nun comunicado que o neoloxismo foi creado por Raphaël Lemkin (1901-1959) e constitúe, en palabras do historiador galego Antonio Míguez Macho, un dos conceptos que cambiaron o mundo.

O xurista polaco de orixe xudía, que logrou escapar da persecución nazi, dedicoulle toda unha vida co propósito de que se recoñecese a súa condición de crime contra a humanidade e de que, como tal, tipificásese como un delito de persecución universal.

Adoptado tras a II Guerra Mundial pola ONU na convención para a súa prevención e sanción, o termo volveu a pronunciarse en múltiples ocasións nos últimos meses para sinalar as accións do Estado de Israel na Franxa de Gaza.

'Xenocidio' impúxose con máis de 4 de cada 10 votos emitidos, 2.948 dos case 7.200 rexistrados, adiantándose así á palabra finalista vinculada a outro fenómeno de natureza moi distinta: 'foliada', expresión da alegría colectiva que supuxo a celebración das Letras Galegas dedicadas ás cantareiras, recoñecidas hai doce meses como protagonistas da Palabra do Ano 2024.

'Foliada' alcanzou 1.315 votos, preto do 20 %, e o terceiro posto, con 843 votos, foi para 'lume', palabra-crónica da vaga de incendios forestais do pasado verán.

A palabra patrimonial comodín 'desfeita', proposta fronte a neoloxismos de previsible vida efémera que se multiplican para nomear involucións e diversos desastres, sumou 834 votos que a sitúan no cuarto lugar.

A Palabra do Ano 2025, 'xenocidio', fórmase a partir do grego xeno- ‘pobo’ e o sufixoide de orixe latina -cidio ‘matar’, seguindo a mesma fórmula que homicidio, parricidio ou magnicidio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade