Felipe Arias Vilas, elixido novo presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego
O patrón fundador da institución foi elixido por unanimidade nunha asemblea extraordinaria
Imaxe cedida polo Museo do Pobo Galego
Felipe Arias Vilas (Lugo, 1949), foi elixido este sábado por unanimidade novo presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego. A elección tivo lugar nunha asemblea extraordinaria para cubrir a vacante que deixou Concha Losada no mes de maio, tras renunciar ao cargo.
Tal e como trasladou o museo en nota de prensa, o arqueólogo, patrón e membro fundador da entidade conta cunha ampla traxectoria no ámbito museístico galego. Foi director-conservador do Museo Provincial de Lugo entre 1974 e 1984, dirixiu o Museo do Castro de Viladonga desde a súa creación en 1983 ata 2014, ano da súa xubilación, e foi promotor do Consello Galego de Museos.
En canto ao Museo do Pobo Galego, a súa relación remóntase á fundación da institución, coa que mantivo unha "estreita vinculación" durante estas cinco décadas ata a actualidade.
Con este nomeamento, Arias Vilas convértese no sexto presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, despois de Xaquín Lorenzo Fernández (1976-1989), Antonio Fraguas Fraguas (1989-1999), Isaac Díaz Pardo (2000-2011), Justo Beramendi (2011-2022) e Concha Losada (2022-2026).
A elección foi unánime e chega nun momento "significativo" para a institución, que o próximo ano celebrará o seu 50 aniversario. Neste sentido, a entidade espera que a efeméride sexa unha oportunidade para recoñecer a traxectoria do Museo ao longo destas décadas e proxectar o seu futuro como espazo de "conservación, investigación e divulgación" da cultura galega.