A ópera "Tosca" regresa á cidade da Coruña vinte e dous anos despois
A temporada lírica recupera a obra de Puccini, coa colaboración da Orquestra Sinfónica de Galicia
Ambientada na Roma convulsa de 1800, beleza e violencia avanzan da man en Tosca. O amor queda atrapado entre as intrigas políticas e a corrupción neste melodrama en tres actos que a temporada lírica recuperou para A Coruña despois de vinte e dous anos.
"'Tosca' é probablemente a ópera máis coñecida por aqueles que non son afeccionados á ópera. É unha historia fermosísima, moi romántica, pero tamén moi interesante. Neste senso, despois de dúas décadas, parecía que era o momento de recuperar este título senlleiro", comenta José Luis Méndez Romeu, presidente da Asociación Amigos da Ópera da Coruña.
A soprano Miren Urbieta-Vega debuta no papel protagonista, acompañada dun elenco internacional e da música da Orquestra Sinfónica de Galicia, baixo a batuta de Óliver Díaz.
"Nós temos a sorte de contar coa OSG, unha das mellores de España, segundo a crítica. Iso significa que o soporte musical de todos os nosos proxectos vai estar sempre ao máis alto nivel", explica.
As dúas funcións de Tosca reuniron catro mil espectadores no Pazo da Ópera, unha mostra do interese que esperta o xénero lírico en Galicia e que a Asociación Amigos da Ópera quere estender a novos públicos.