Adrián Porrima e o CEIP Celso Emilio de Cerceda gañan os VI Premios Fouciño
O certame concedeu por primeira vez "O Fouciño de Mabel" na honra da xornalista desta casa falecida en xaneiro
Fotograma da curtametraxe de Adrián Porrima
A VI edición dos Premios Fouciño xa ten palmarés. Adrián Porrima e o colexio público Celso Emilio Ferreiro de Cerceda fixéronse cos máximos galardóns que outorga o xurado do certame de curtas que se celebra en Baio, no concello de Zas.
Na categoría xeral, Adrián Porrima gañou co seu traballo Nas ondas do tempo "por todo o que expresa de xeito eficaz en tan pouco tempo. Polo xeito no que apela á emoción. Pola mestura de linguaxes e o espazo para a sorpresa", explica nun comunicado a organización.
Ademais, Alicia no país do esquecemento, de Irene Pin, recibiu unha mención especial "por ser unha peza necesaria, o seu valor cultural, a súa coidada estética e a lembranza e posta en valor do noso patrimonio inmaterial e dos nosos maiores”.
No apartado de centros de ensino, o CEIP Celso Emilio conseguiu impoñerse co seu Nariz de Ouro "pola importancia da mensaxe, porque as rarezas tamén poden ser fortalezas. Pola implicación e o traballo conxunto do equipo docente e o alumnado e a importancia da educación en valores, sobre todo desde idades temperás".
O público, pola súa banda, decidiu premiar A do Insta, de Aleixo Pérez Aponte e Os poetas e o lume, do CEIP Labarta Pose de Baio. Ademais, recoñeceu como mellor escaparate da vila o presentado por Calzados Paco-Zapatería de muller.
Mabel Montes nunha das súas intervencións no certame
O Fouciño de Mabel
Ademais, o certame entregou por primeira vez os galardóns de honra co nome da xornalista da TVG, Mabel Montes, falecida a principios de ano.
Natural de Baio e moi comprometida co festival e coa cultura, vai continuar presente nas vindeiras edicións a través destes premios.
Desta volta, "O Fouciño de Mabel" foi para a Inmobiliaria Elías e a Parafarmacia Horizontes, sede oficial de 2026.