Publicador de contidos

Publicador de contidos

Vaga de roubos nunha urbanización de Santiago durante a ponte festiva

Vaga de roubos nunha urbanización de Santiago durante a ponte festiva

Entraron roubar en catro vivendas e levaron cartos e xoias, sen danos persoais que lamentar

G24.gal 12/12/2022 13:43

Os feitos aconteceron o venres pola tarde, e foi o encargado de mantemento da urbanización o que deu a voz de alarma. Aproveitando que había poucos veciños pola ponte festiva, entraron roubar en varias vivendas baleiras.

Calculan os afectados que foi en cousa dun par de horas, entre as cinco e as sete da tarde. Accederon ás vivendas forzando as fiestras traseiras, máis escondidas da ollada de calquera. Os propietarios descubriron a desfeita cando chegaron e viron toda a casa revolta.

De momento teñen catro casos contabilizados, pero non saben se aparecerán máis porque os últimos aínda o sabían o sábado. "Máis de 24 horas despois de saber dos tres primeiros casos, chegounos outro" comenta Constante González, membro da xunta veciñal. Tratábase dunha familia que chegou de viaxe e "encontrou a casa revolta", engade.

A Policía Nacional investiga os feitos. De momento constan dúas denuncias, que refiren roubo de xoias e cartos. Os afectados aínda están poñendo en orde as vivendas e facendo reconto do que falta, e o resto dos veciños, co susto no corpo. "A veciñanza está moi preocupada porque xa non é a primeira vez que pasa na urbanización" asegura González. "Hai uns poucos anos pasou exactamente o mesmo". 

Ademais destes roubos en Brandía, o mesmo venres entraron nunha vivenda unifamiliar nos Tilos, unha urbanización no concello veciño de Teo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade