Publicador de contidos

Publicador de contidos

Detido o asaltante dunha tenda 'gourmet' de Pontevedra

Detido o asaltante dunha tenda 'gourmet' de Pontevedra

Foi un roubo exprés: fíxose co botín en menos de dous minutos, pero a policía detívoo a poucos metros

Forzou a reixa, rebentou o cristal e levou a caixa rexistradora, que a policía recuperou debaixo dun coche

G24.gal 09/05/2025 14:54

A policía detivo en Pontevedra o asaltante dunha tenda de produtos gourmet. Foi un traballo limpo e, a priori, rápido. 

"A reixa, nada, porque é forzala e abrila. Rompeu o escaparate, percorre a tenda ata a zona onde nós despachamos. Non sabe onde está a caixa porque pasa por diante dela e nin a ve pero despois da a volta e si que a ve. Arranca a balanza e entón cae a caixa dos cartos e lévaa", explica Pablo Chaves, copropietario de IberBouquet.

"Vai ata o final do mostrador e non sabemos o que estaba buscando pero penso que un papel ou algo así, porque se cortou, que despois vimos sangue no chan", engade Emilio Marmolejo, copropietario de IberBouquet .

Nin xamóns, nin viños, nin doces. En menos de dous minutos estaba fóra coa caixa ao lombo... pero pouco dura a alegría na casa do pobre.

"Cando rompeu o cristal, un veciño deuse de conta do roubo e berrou: 'Policía, policía', e penso que por iso acelerou, colleu a caixa e marchou", aventura Chaves.

O veciño esperto, a comisaría a dous minutos e os dous propietarios a poucos metros chafáronlle a faena.

"Tardaron dez ou quince minutos en atrapalo e despois xa foron buscar a caixa, que estaba debaixo dun coche".

"Estaba golpeada e hai que cambiala pero tiña todos os cartos dentro. Non lle deu tempo de abrila".

Botín non levou, pero aos donos da tenda fíxolles o día.

"Danos e molestias porque ademais de que onte non puiden abrir e non puiden facturar, tivemos que facer todas as dilixencias: denuncia, cristaleiro de urxencia, un cristaleiro que vén hoxe...". 

Á espera de resolver eses pequenos detalles, hoxe Iberbouquet volveu abrir con normalidade. 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade