Publicador de contidos

Publicador de contidos

Tres detidos por obrigar un mozo a subir á Muralla de Lugo, pegarlle e roubalo

Tres detidos por obrigar un mozo a subir á Muralla de Lugo, pegarlle e roubalo

Roubáronlle o móbil, unha cadea de prata e as chaves da súa casa

Os tres quedaron á disposición da autoridade xudicial

G24.gal 04/07/2025 13:35

Tres mozos foron detidos por axentes do Corpo Nacional de Policía de Lugo como investigados por un suposto delito de roubo con violencia e intimidación, dado que son sospeitosos de obrigar outro rapaz a subir ao adarve da Muralla romana, onde lle deron unha malleira e roubáronlle o móbil e outros efectos persoais.

Segundo a información facilitada este venres pola Comisaría Provincial de Lugo, os feitos polos que foron detidos sucederon na madrugada do pasado 10 de xuño.

A vítima regresaba á casa despois de saír esa noite. Cando camiñaba pola praza de Campo Castelo, no centro histórico da cidade, foi abordado por tres mozos, que levaban a cara tapada con pasamontañas.

Golpeárono e fixérono subir á forza ao adarve da Muralla romana de Lugo, na zona da Mosqueira.

Alí, segundo informou a Policía Nacional, déronlle unha malleira e roubáronlle o móbil, unha cadea de prata e as chaves da súa casa.

Tras a correspondente denuncia, púxose en marcha unha investigación policial e os axentes encargados do caso identificaron no transcurso das súas pescudas aos tres sospeitosos, que foron posteriormente localizados e detidos.

Os tres quedaron á disposición da autoridade xudicial. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade