Prisión provisional para o Pulpo e tres detidos máis por roubo e pertenza a organización criminal
Foron arrestados en Ribadumia e están investigados por varios atracos
O Pulpo saíra do cárcere en 2022 tras cumprir parte da súa condena nun centro de inserción
Deteñen os catro atracadores que intentaron asaltar un banco en Santiago

O Xulgado de Instrución número 3 de Vigo, en funcións de garda, decretou este xoves o ingreso en prisión provisional de José Manuel Rodríguez Lamas, alias o Pulpo, e doutros tres detidos en Ribadumia por delitos de roubo, falsificación de matrícula e pertenza a organización criminal.
Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), os catro arrestados foran detidos o pasado luns pola Policía Nacional e este xoves quedaron a disposición xudicial.
O Pulpo fora condenado a 125 anos de cárcere por asasinar en 1997 catro persoas nun hostal de Vilaboa (Pontevedra). Saíra da prisión en decembro de 2022 e cumprira o último tramo da condena nun centro de inserción social en Vigo.
Con todo, a finais de outubro de 2023 volveu ser detido por un roubo nunha empresa de Vigo, na que supostamente subtraeu material informático, unha trintena de teléfonos móbiles e diñeiro en efectivo.