Deteñen os catro atracadores que intentaron asaltar un banco en Santiago
Entre os arrestados, está o Pulpo, un delincuente perigoso que matou catro persoas nun hostal de Vilaboa hai case trinta anos
Localizáronos aos catro xuntos cando volvían do intento de atraco, xusto antes de que aparcaran en Ribadumia
Foi unha detención coma a que se ve nas películas.
"Eles viñan no coche e atravesóuselles un coche por diante e outro por detrás".
"Empecei a escoitar berros de 'ao chan, ao chan... non te movas', e eles dicíanlle que non somos cans, e o policía, 'estamos tratándovos ben'. El estaba no chan e o policía tíñalle o xeonllo enriba para que non se movera mentres lle poñía unhas bridas", contan unhas veciñas.
Caeron os catro dunha atacada, cando volvían de intentar atracar un banco en Santiago, un golpe que lles saíu mal. A policía buscaba un Alfa Romeo escuro, con matrícula portuguesa. Localizárono xusto cando ían aparcar, a poucos metros da casa do concello de Ribadumia. Segundo se comenta, o coche pasara días aparcado alí mesmo.
"Estaban tomando pegadas no coche e desmantelándoo todo, botándolle pos e collendo papeis e todo", engade unha das mulleres.
"Eu penso que pasaban dos cincuenta, que eran 'maduritos', describe a outra.
Un dos detidos vive a só uns metros, neste edificio. Contan que leva unha vida familiar, con muller e fillo, e que nunca deu que pensar. Outro deles xa é outra historia... trátase de José Manuel Rodríguez Lamas, coñecido como o Pulpo, un delincuente reincidente.
"Un policía dixo que só había un de aquí, e que outro tiñan delitos de sangue, que era perigoso", confirma a muller.
E tan perigoso. O Pulpo matou catro persoas nun hostal de Vilaboa hai case trinta anos. Foi condenado a 125 de cárcere, pero dende hai un par de anos está en liberade e, dende esa, non parou. O ano pasado arrestárono por un roubo nunha empresa de Teis.
"Agora dá medo andar pola zona e preocupada por mandar os rapaces ao pan... dá medo", confesa a mesma veciña.
Segundo parece, a policía xa andaba tras este grupo por roubos similares.