Aumenta a 27 o número de vítimas mortais polas inundacións en Texas
As autoridades aínda non localizaron as 27 nenas desaparecidas mentres participaban nun campamento de verán

O número de vítimas mortais confirmadas no centro-sur de Texas por mor das graves inundacións que afectan á zona aumentou este sábado a 27. Ademais, seguen desaparecidas 27 nenas que estaban aloxadas nun campamento de verán, segundo informan as autoridades locais.
Larry Leitha Jr., shériff do condado de Kerr, un dos máis afectados pola forte enchente do río Guadalupe, explicou en conferencia de prensa que se recuperaron os corpos de 27persoas, nove delas menores.
O xestor municipal de Kerrville, Dalton Rice, confirmou a desaparición das 27 nenas do campamento cristián Mystic, pero asegurou que aínda non hai unha cifra oficial de persoas sen localizar porque había moita xente de visita, co gallo da festividade do 4 de xullo.
Segundo dixo, a auga retrocedeu xa parcialmente río arriba e hai efectivos sobre o terreo peiteando a zona a pé desde o sueste de Hunt (onde está o campamento Mystic) en dirección norte, nun percorrido ao longo do Guadalupe duns 17 quilómetros.

Operativo de rescate
En total, hai uns 1.000 efectivos despregados no centro-sur de Texas para operacións de procura e rescate pertencentes a entes locais, estatais e federais.
O propio Trump anunciou na súa rede social Truth Social que a secretaria de Seguridade Nacional, Kristi Noem, viaxa este sábado á zona e que están a traballar "sobre o terreo en Texas para responder ás tráxicas inundacións".
O Servizo Meteorolóxico Nacional estadounidense explicou que o venres nun período de apenas 12 horas acumuláronse máis de 30 centímetros de precipitacións, o que elevou o caudal do Guadalupe, preto de Hunt, ao seu segundo nivel máis alto rexistrado, con 9,9 metros de altura.