Publicador de contidos

Publicador de contidos

Acepta máis de tres anos de cárcere por atropelar en Sada a un garda civil e escapar

Acepta máis de tres anos de cárcere por atropelar en Sada a un garda civil e escapar

Fiscalía aceptou a suspensión da pena se non volve cometer un delito e se somete a tratamento pola súa drogodependencia

G24.gal 07/07/2025 13:22

Un home acusado dos delitos de atentado agravado con uso de vehículo de motor, de lesións e de abandono do lugar do accidente aceptou unha pena de tres anos e seis meses de prisión por atropelar en 2021 un axente da Garda Civil no termo municipal de Sada e fuxir.

Con todo, Fiscalía aceptou a suspensión das condenas de cárcere coa condición de que o procesado non cometa ningún delito e continúe co programa de tratamento da súa drogodependencia por un prazo de cinco anos.

Fíxoo tras un acordo entre as partes no xuízo previsto para este luns, día 7, na sección primeira da Audiencia Provincial coruñesa.

Foi tras recoñecer os feitos o procesado e acordarse a pena de tres anos e un día cárcere polo primeiro dos delitos, o pago de 2.160 euros de multa polo segundo e seis meses de prisión polo terceiro, e tamén a privación do dereito de conducir vehículos de motor durante catro anos.

Ademais, o avogado da defensa solicitou a suspensión da execución das penas de privación de liberdade alegando que o condenado carece de antecedentes penais e achegando unha certificación que acredita a condición de drogodependente de longa duración do seu cliente. Tamén argumentou que os delitos se cometeron como consecuencia da inxestión de cocaína e alcol.

"Ofreceu oportunas aínda que tardías desculpas á vítima destes feitos", engadiu o letrado durante a vista. Así mesmo, asegurou que o home segue a tratamento polas súas adiccións e se atopa nunha situación laboral e familiar reinserida e estable.

Por iso, a xuíza acordou a suspensión firme das condenas de prisión coa condición de que o home non delinca nun prazo de cinco anos e se manteña no programa de rehabilitación durante ese período.

Segundo consta no escrito do Ministerio Público, os feitos producíronse sobre a unha da madrugada do 11 de decembro de 2021, cando o procesado conducía pola N-VI coas súas facultades psicofísicas sensiblemente diminuídas polos efectos das bebidas alcohólicas que, con anterioridade, consumira.

Á altura do punto quilométrico 582,5 da citada vía, no termo municipal de Sada, ao atoparse cun control policial, o acusado, que circulaba sen a prudencia que lle era esixible e por encima do límite de velocidade de 40 quilómetros/hora, atropelou un axente da Garda Civil.

O home, sostén Fiscalía, foi plenamente consciente do sinistro, recolle o seu escrito, que relata os danos que houbo no coche. Con todo, sostén que non detivo a marcha e se ausentou do lugar e parou o vehículo no polígono industrial de Bergondo, onde tratou de ocultarse e onde foi localizado. Polo impacto, o axente sufriu policontusións e unha fractura da tibia e tivo que ser intervido.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade