Publicador de contidos

Publicador de contidos

Reciben a alta hospitalaria dous dos seis feridos no atropelo múltiple da Coruña

Reciben a alta hospitalaria dous dos seis feridos no atropelo múltiple da Coruña

Segundo o parte médico, dos catro hospitalizados, tres mulleres e un home, un está na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) e os demais atópanse no Servizo de Traumatoloxía

G24.gal 28/08/2025 10:48 Última actualización 28/08/2025 14:12

Dous dos seis feridos no atropelo múltiple no centro da cidade herculina foron dados de alta hospitalaria, entre eles unha menor, mentres os outros catro seguen ingresados no Complexo hospitalario universitario da Coruña (CHUAC).

Segundo o parte médico, dos catro hospitalizados, tres mulleres e un home, un está na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) e os demais atópanse no Servizo de Traumatoloxía.  O ingresado na UCI, que recibiu o impacto directo do vehículo, sofre traumatismos na cabeza, a columna vertebral e varias costelas, que lle afectaron os pulmóns. 

O suceso produciuse no mediodía deste mércores na rúa Juana de Vega cando os peóns "estaban a cruzar debidamente" por un paso de peóns. As seis vítimas son persoas de distintas procedencias, a máis nova unha nena nada en 2021 e o maior, un home de 1950.

O condutor responsable do suceso foi detido e practicáronselle as correspondentes probas de drogas e alcol. Posteriormente, foi ingresado no Hospital de Oza baixo vixilancia policial e está previsto que sexa examinado polo persoal sanitario para a súa avaliación médica e psiquiátrica.

Nacido en 1974 en Monforte e con domicilio na Coruña, o home estaba aparcado nunha área reservada da citada rúa e arrincou o coche cando as persoas comezaron a cruzar, segundo el mesmo recoñeceu aos axentes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade