Publicador de contidos

Publicador de contidos

Denunciados un veciño de Cee por unha queima agrícola e catro de Noia por facer lume para unha grellada

Denunciados un veciño de Cee por unha queima agrícola e catro de Noia por facer lume para unha grellada

A Garda Civil identificounos e propúxoos para sanción por incumprir a Lei de Montes de Galicia

As multas poden oscilar entre mil e un millón de euros

G24.gal 28/08/2025 13:15

A Garda Civil da Coruña denunciou e propuxo sancionar cinco persoas, unha en Cee e catro en Noia, por infrinxir a Lei de Montes de Galicia. Os denunciados incumpriron as restricións de seguridade en época de alerta máxima por risco de incendio forestal.

A primeira intervención deuse cando unha patrulla do Seprona de Corcubión descubriu unha columna de fume nunha masa forestal cerca de Fadibón, en Cee.

Os axentes comprobaron que se trataba dunha queima de restos agrícolas nunha leira particular rodeada de masa forestal e próxima a vivendas na que non había medio de extinción preto, unha acción moi grave.

A segunda intervención tivo lugar no río Entíns, en Outes, onde a Benemérita recibiu unha chamada informando de que un grupo de persoas estaba facendo unha grellada.

Unha patrulla foi ao lugar e constatou que se trataba dun grupo de catro persoas da mesma familia, veciños de Noia, que foron identificadas e propostas para sanción por unha infracción grave.

O importe das sancións oscila entre 1.000 e un millón de euros, segundo a Comandancia. Nun contexto de risco extremo, o uso de lume contravindo as prohibicións existentes pon en perigo tanto a contorna natural como a seguridade das persoas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade