O Colexio de Arquitectos visita San Vicente de Leira para valorar a situación despois dos incendios
O COAG asegura que é necesario un plan integral avalado por todas as Administracións para levar a cabo a reconstrución
Os veciños amosaron a súa preocupación polo risco de derrubamentos e pola burocracia dos trámites
Con moitivo do Día Mundial da Arquitectura, que se celebra este luns, representantes do Colexio de Arquitectos visitaron hoxe a aldea de San Vicente de Leira, en Vilamartín de Valdeorras, arrasada polos incendios do mes de agosto.
O lema deste ano, "A arquitectura que coida" vai dirixido precisamente ás rehabilitacións e a conservación do patrimonio, entendidas como espazos de acompañamento de quen as habita.
120 edificacións quedaron moi danadas polo lume nesta parroquia de Vilamartín de Valdeorras. Quince destas casas eran a vivenda habitual dos 30 veciños que viven aquí e o resto segundas residencias. Hoxe a visita, entre cascallos, tiña como obxectivo atopar o xeito de acompañar os veciños que o perderon todo e ver como planificar o desentullo e a reconstrución.
"Hoxe estamos aquí para escoitar os veciños de primeira man para saber cales foron os problemas e as situacións que viviron nos incendios e ver agora como podemos axudar", asegurou Luciano Alfaya, decano do Colexio de Arquitectos de Galicia.
E o que escoitaron dos veciños foi a situación que teñen desde que perderon as súas casas, que non lles deixa acougo.
"Encantaríanos que axilizasen a burocracia, porque eu non podo redactar un proxecto de rehabilitación da vivenda se non se van facer cargo deses desentullos. Iso alonga os prazos. E temos os problemas dos perigos inmintentes. Metémonos no inverno, chove, e aínda estamos convivindo co cadáver da nosa aldea. Iso é un perigo constante", di Rosana Álvarez, veciña afectada.
"Se tivésemos un bo acceso esas vivendas que están catalogadas como segundas vivendas seguro que eran de uso habitual. Cos 70.000 euros que dan non nos chega nin para o desentullo nin para o proxecto nin para levantar os cimentos da casa", insiste outra veciña.
"O que lle pedimos ao Colexio de Arquitectos é se eles teñen a posibilidade de facer un proxecto de urxencia, algo que determine os pasos a seguir", explica o alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez.
Desde o Colexio de Arquitectos insisten na necesidade de colaboración de todas as Administracións.
Non se trata só dun proxecto de desentullo ou rehabilitación puntual dalgunhas vivendas. Isto precisa un plan integral que atinxa primeiro a cartografía de todos estes espazos e que despois priorice cales deben ser as primeiras actuacións que hai que facer.
O Colexio de Arquitectos habilitou un fondo de emerxencia para cubrir os gastos de tramitación dos proxectos. Ademais, máis de 170 profesionais ofrecéronse para colaborar nos proxectos de reconstrución.