Publicador de contidos

Publicador de contidos

Decenas de persoas despiden en Monforte o policía que morreu nunha persecución

Decenas de persoas despiden en Monforte o policía que morreu nunha persecución

Eusebio Cuesta Vázquez, de 33 anos, morreu a madrugada do sábado en acto de servizo mentres facía unha persecución no coche patrulla

O seu compañeiro Francisco Cao está ingresado no hospital de Monforte e non se teme pola súa vida

Perseguían un home que fuxiu cando pretendían facerlle unha proba de alcolemia. Diversas fontes indican que o fuxido é un garda civil de 50 anos que está na reserva

Funeral polo policía local de Monforte de Lemos que morreu na madrugada do sábado durante unha persecución. Foto: EFE/Eliseo Trigo
G24.gal 24/08/2025 17:19 Última actualización 24/08/2025 20:17

Decenas de persoas despediron este domingo en Monforte de Lemos o policía local que morreu a madrugada do sábado en acto de servizo mentres facía unha persecución no coche patrulla.

O falecido, Eusebio Cuesta Vázquez, de 33 anos, foi velado no tanatorio Silleiro e este domingo celebrouse un funeral por el na igrexa de Santo Antonio, parroquia da que era natural.

Posteriormente, os seus restos foron trasladados ao cemiterio municipal.

Cuesta faleceu en acto de servizo despois de que o vehículo no que efectuaba unha persecución a un condutor ebrio se fora por fóra da vía e batera contra unha edificación.

Acompañábao outro axente, Francisco Cao, que resultou ferido e foi ingresado no hospital comarcal.

O Concello de Monforte decretou tres días de loito oficial no municipio e as bandeiras ondean a media hasta.  Cando se celebre o seguinte pleno ordinario do municipio, impoñeráselle, a título póstumo, a Medalla do Concello de Monforte. 

Perseguían un home que tratou de evitar un control de alcolemia, que ao parecer é un garda civil na reserva

O tráxico accidente produciuse arredor das dúas da madrugada do sábado. Esa noite a Policía Local montara un control de documentación de vehículos. O falecido e o seu compañeiro viron chegar a este control o condutor que posteriormente fuxiu. Cando lle solicitaron os papeis decatáronse de que o home parecía estar baixo os efectos do alcol e solicitáronlle facer unha proba de alcolemia.

Segundo o atestado, ao parecer, o home increpou os axentes e intentou impedir o test, antes de arrancar co coche a toda velocidade. Os axentes saíron detrás del ata que se produciu o tráxico accidente. O coche da Policía Local botouse da estrada e chocou contra unha construción anexa a unha vivenda.

Ao parecer, diversas fontes indican que o home fuxido é un garda civil  de 50 anos que está na reserva.
 

 

A Policía Local de Monforte homenaxea ao axente falecido en acto de servicio. Foto: EFE/Eliseo Trigo A Policía Local de Monforte homenaxea ao axente falecido en acto de servicio. Foto: EFE/Eliseo Trigo
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade