Trump adía ao 1 de agosto o restablecemento dos aranceis se non hai acordo comercial
O presidente estadounidense informará cada país de que restablecerá as taxas do 2 de abril se non chegan a un pacto

O secretario do Tesouro dos Estados Unidos, Scott Bessent, explicou este domingo que o presidente Donald Trump está a informar individualmente cada país de que se non hai un acordo comercial para o próximo 1 de agosto, restablecerá os aranceis aos niveis declarados o 2 de abril.
Ese día, data que Trump denominou "día da liberación", o mandatario anunciou novas taxas arancelarias "recíprocas" para socios comerciais chave dos EUA, con gravames que nalgúns casos alcanzan o 50%.
En conxunto, esas taxas foron as máis altas que aplicou o país a produtos estranxeiros en máis dun século. Por iso, os economistas non tardaron en alertar sobre unha recesión que afectaría non só a certos países, senón ao mundo enteiro.
A nova data anunciada por Bessent parece tratarse dunha extensión da "tregua" declarada por Trump e que ía expirar en principio o vindeiro mércores, 9 de xullo, segundo fará saber por carta o propio presidente norteamericano a todos os países cos que mantén relacións comerciais.
"As próximas 72 horas van ser axitadas (...). Nas cartas diremos (aos países) que se vostedes non aceleran a situación, o 1 de agosto volverán ao seu nivel arancelario do 2 de abril", ", declarou o secretario nunha entrevista a CNN.
Bessent indicou que o 1 de agosto "non se trata dunha nova data límite" pero tampouco abordou exactamente o que vai ocorrer o vindeiro día 9.
"O 1 de agosto é cando vai comezar a suceder (a restauración dos aranceis). E se queren acelerar a situación, estupendo. E se queren regresar ao arancel orixinal (de abril), vostedes deciden (...). Creo que imos ver moitos acordos dentro de moi pouco".