Junts sitúa a lexislatura "nun punto morto" e o PP sostén que se achega o cambio
Desde Junts cualifican como "anomalía democrática" que Pedro Sánchez tente tirar para adiante sen maioría parlamentaria
No Partido Popular sosteñen que as eleccións lexislativas serán "antes do que moitos pensan"
A fin do apoio parlamentario de Junts non significa a fin da lexislatura: esa é a mensaxe que deixaba este venres Pedro Sánchez. Desde o partido de Puigdemont sinalaban esta mañá que a presión debe centrarse en que non cumpre politicamente, en alusión ao Goberno, e que Sánchez debe explicar como pensa tirar cara adiante.
E desde Sumar, a outra parte do executivo, ofrécenlle a Junts volver aos pactos.
"Quero facerlle unha invitación a Junts desde a man tendida, que sempre van encontrar por parte do Goberno de España; a serlle útil a Cataluña e non serlle útil ao PP e Vox", era a proposta formulada polo ministro de Cultura, Ernest Urtasun, nun acto de partido.
Mentres, a estratexia do Partido Popular pasa por intensificar a axenda lexislativa; é dicir, por presentar proxectos de lei no Congreso que poidan recibir o apoio de Junts sobre fiscalidade, vivienda, ocupación ou inmigración. Desde o PP sinalan que o cambio está cada vez máis cerca e que o PSOE acabará afogado pola corrupción.
"Máis axiña ca tarde a Garda Civil descubrirá todo que fixeron e todo o peso da lei caerá sobre eles. Non haberá indultos, non haberá amnistías para os chourizos do clan da 'chistorra'", proclamaba hoxe o secretario xeral dos populares, Miguel Tellado.
E ante este panorama, fontes oficiosas próximas á Moncloa sinalan que o Goberno tratará de presentar uns Presupostos Xerais para o ano vindeiro con considerables investimentos en Cataluña. O obxectivo é que a Junts lle resulte custoso politicamente amosarse en contra.