Corea do Norte lanza un mísil balístico cara ao mar do Xapón en resposta ás sancións dos EUA
O artefacto, de curto alcance, caeu no mar do Xapón sen provocar danos
Pyonyang realizou este ensaio en resposta ás sancións impostas polos Estados Unidos ás persoas e compañías acusadas de branquear capital para financiar o programa de armas nucleares norcoreano
Imaxe do lanzamento efectuado o pasado 22 de outubro (KCNA via REUTERS)
Corea do Norte lanzou este venres un mísil balístico, aparentemente de curto alcance, cara ao mar do Xapón. Fíxoo despois de que Pyonyang prometese responder de forma apropiada ás sancións impostas polos Estados Unidos a persoas e compañías acusadas de branquear capital para financiar o programa de armas nucleares norcoreano.
O Estado Maior Conxunto surcoreano dixo que detectou o proxectil ao redor das 12:35 hora local e estima que se trata dun mísil balístico de curto alcance.
Asegura que foi lanzado cara ao mar do Xapón, coñecido como mar do Leste nas dúas Coreas.
A primeira ministra do Xapón, Sanae Takaich, afirma que caeu fóra da ZEE (Zona Económica Exclusiva) do país e, polo momento, non hai información confirmada sobre danos.
O Departamento do Tesouro dos EUA sancionou o mércores pasado oito persoas e dúas compañías por branquearen capital para Corea do Norte, uns fondos procedente de operacións ilícitas como ciberestafas, dirixidos a financiar o programa de armas nucleares.
O último lanzamento dun mísil balístico norcoreano efectuouse o 22 de outubro. Foi a primeira ocasión en que Pyonyang realizou tales probas desde a investidura o pasado xuño do presidente surcoreano e días antes de que o mandatario dos Estados Unidos Donald Trump visitase Corea do Sur.