O autor galego Ismael Ramos fai historia e gaña o premio literario máis prestixioso dos EUA
O Premio O. Henry, que se outorga desde 1919, recoñece cada ano os mellores relatos breves ou de ficción
É o primeiro escritor español en recibir este galardón pola obra A lebre, escrita orixinalmente en galego
Para Xerais, o recoñecemento marca un antes e un despois da literatura galega no panorama internacional
Ismael Ramos. TVG
Ismael Ramos, o escritor de Mazaricos, fai historia e consegue ser un dos premiados nos galardóns O. Henry Award, un dos máis antigos e de máis prestixio que se conceden anualmente nos Estados Unidos aos mellores contos ou relatos breves de ficción.
A Lebre é o título do conto premiado e que foi traducido ao inglés por Jacob Rogers e publicado na revista The Common.
Con este relato, que se inclúe no libro de Ramos A parte fácil, o autor de Mazaricos se converte no primeiro español que gaña o premio O. Henry, a distinción máis importante do mundo para relatos.
O libro foi publicado orixinalmente en galego pola editorial Xerais en 2023 e traducido ao español pola editorial Las Afueras.
Un premio que antes recibiron Faulkner, Capote e Munro
O galego comparte palmarés con nomes como Samanta Schweblin, Colm Tóibín e Catherine Lacey, nunha selección comisariada por Tommy Orange.
Desde Xerais salientaron que o recoñecemento non só consagra a traxectoria de Ramos, senón que tamén marca un antes e un despois "para a literatura galega no panorama internacional".
O premio O. Henry foi recibido antes por escritores como William Faulkner, Truman Capote, Alice Munro ou a Premio Nóbel Olga Tokarczuk.
"Que alegría salvaxe"
Nas redes sociais, Ismael Ramos daba a coñecer a noticia na tarde deste martes.
"Que honra inimaxinable ser un dous gañadores do O. Henry Prize 2026. Que alegría salvaxe", asegurou.